CUT anuncia que patronato e Estado avançam “para o Estado de Excepçom nas ruas de Vigo” e alenta à Greve Geral Nacional

As últimas notícias acontecidas na cidade de Vigo indicam umha agudizaçom progressiva do conflito do Metal no sul oeste do País ou, como diria a titular autonómica de Trabalho, Beatriz Mato, recorrendo à peculiar linguagem da intoxicaçom, de “batasunizaçom”. A intervençom directa de corpos repressivos dirigidos desde a ‘Delegación del Gobierno de España’ na CAG há dias que passou a ser o principal argumento oficial para debilitar a resistência dos trabalhadores. À violência policial somam-se as ameaças de deslocalizaçom empresarial e a tentativa de esganar o movimento operário por meio da violência económica. Neste clima de conflito social agudo que tem o seu epicentro na cidade olívica, a central nacionalista CUT declara que Estado e empresariado caminham já para a imposiçom dum “Estado de Excepçom nas ruas de Vigo”. CUT denuncia a tomada policial da cidade para enfrontar a luita trabalhadora e declara que, tanto o patronato como o Governo espanhol, definírom o conflito como “questom de Estado”. Publicamos a continuaçom, respeitando a normativa original, o artigo tirado do portal da Central Unitária de Trabalhador@s em que a CUT diagnostica a situaçom e as alternativas à radicalizaçom do tratamento repressivo do conflito. Aliás, animamos a ler o artigo “Faise imprescindible a convocatoria de Folga Xeral” no que o sindicato nacionalista alenta à Greve Geral Nacional como estratégia para evitar o afogamento do conflito por meio da via repressiva. A Patronal e o Estado Español camiñan cara o “Estado de Excepción” nas rúas de Vigo Na mañá de hoxe, 12 de xuño de 2009, tres compañías da policía española (agardase para hoxe a chegada de alomenos tres máis) , alentadas pola delegación do goberno, están a tomar as rúas de Vigo, facendo cacheos e identificacións incontroladas, xa non de cara a perseguir posibles feitos ilegais na folga do metal, senón a estende-la idea de quen ostenta o poder, neste caso pola vía da forza represiva. A CUT ve nesta posta en escena, unha clara consigna da patronal, apoiada polo goberno de España, para marca-lo teito da negociación colectiva, xa non só para o metal, senón de face a calquera negociación. A represión policial esténdese nos últimos tempos non só ó metal, senón a calquera acto de manifestación e denuncia pública e de reivindicación de dereitos colectivos. A resposta ás mobilizacións en defensa da lingua, da ilegalización das ideas, do ERE en Caramelo, do metal…, son a realidade de cómo o Estado Español está a facer de garda do réxime capitalista ou para ser máis claro, está a prestar o apoio da forza represiva ás reivindicacións da patronal e do máis escuro nacionalismo español na Galiza. No caso de Vigo estamos a vivir os resultados do “Conclave da Patronal”, no que se decidiu que o conflito do metal ten que marca-lo teito da negociación colectiva. Esta é a idea que tratan de estender, que toda aquela negociación colectiva, en calquera que sexa o seu ámbito, non pode ir máis aló do negociado no metal. É por iso que para o Estado Español isto é unha “cuestión de Estado”, a patronal e o Estado non van deixar que a resposta dos traballadores do metal marque outro teito para a negociación colectiva, porque iso se estendería a tódolos sectores. Os traballadores do metal, como en moitas ocasións anteriores, están a se-la guía do resto dos/as traballadores/as asalariados/as de Galicia. Os restantes asalariados/as debemos, non só segui-los seus pasos, senón dar un paso máis aló: imponse a necesidade de artella-la Folga Xeral xa. Debemos respostar a esta campaña do réxime con tódalas armas que ten a clase obreira. A patronal e o Estado Español camiñan cara o “Estado de Excepción” nas rúas de Vigo, a clase obreira debe respostar coa “Folga Xeral” en toda Galiza.