Solidariedade com as 15 de Arteixo

Há ums dias chegava a seguinte informaçom ao Organismo Popular Anti-repressivo CEIVAR:

naisO 22 de setembro do 2004, ás 02.45 horas, o ex garda civil Carlos Viña denuncia o seu fillo Diego Viña por un presunto delito de malos tratos no ámbito familiar e este último é detido e conducido ao cuartel da Garda Civil de Arteixo. Ás 16.56 horas Diego Viña falece no devandito cuartel á idade de 22 anos.

Tras o falecemento, a nai do mozo alegou que a denuncia do pai, Carlos Viña, fora formulada de forma irregular, e denunciou o comandante do posto da garda civil de Arteixo (G00402P) e os axentes W97788Z, 34896949, Q47830E e T68012Z como autores dun delito de homicidio doloso en comisión por omisión e de detención ilegal. Durante o procedemento os gardas civís implicados declararon que estaban ao tanto do que facía o arrestado a través do audio das videocámaras e que foi un silencio, despois de varias horas de berros e golpes, o que lles levou a sospeitar que algo podía estar a suceder. Segundo a súa versión, ao baixar ao calabozo atópano colgado do barrote superior da porta da súa cela cun anaco do seu pantalón.

O principal indicio do suicidio, o pantalón co que se aforcou, desapareceu “misteriosamente” por ser “arroxado ao lixo”, tal e como recoñeceu na súa declaración o comandante do mencionado cuartel. A pesar diso, a denuncia da nai foi desestimada o 5 de xuño do ano 2008 polo xulgado de instrucción de A Coruña, quen tampouco admitiu o posterior recurso de amparo.

O 12 de outubro dos 2008 (como en anos anteriores) familiares e achegadas/os de Diego Viña reúnense fronte á Igrexa Parroquial de Arteixo durante os actos do día do Pilar e son acusados dun delito de detención ilegal e contra a liberdade de culto.

O 12 de outubro do ano 2010 vólvense a concentrar no mesmo lugar á saída da comitiva da Garda Civil e a subdelegación do goberno na Coruña inicia dous procedementos sancionadores.

O primeiro é un procedemento administrativo contra dúas persoas, supostamente organizadoras do acto. O segundo é un procedemento penal por inxurias á garda civil contra estas dúas persoas e outras trece máis acusadas de gritar: “A garda civil tortura e asasina”. Entre os imputados atópanse familiares e amigos de Diego Viña, varios membros da CNT, membros da asociación “Nais contra a Impunidade”, un profesor da facultade de filosofía de Santiago de Compostela e un membro do colectivo de defensa dos dereitos fundamentais ESCULCA. A fiscalía solicita “multa de quince meses, cunha cota diaria de oito euros e un día de privación de liberdade por cada dúas cotas impagadas ademais do abono das costas”, un total duns 3.600 euros por persoa.

Deste jeito informamos que nos vindeiros dias iniciara-se umha campanha que denunciará a gravidade dos factos que acontecérom assim como de aportaçons económicas para fazer frente à repressom à que están submetidas estas quinze pessoas.