Comunicado contra a consideraçom de agentes de autoridade aos funcionários de prisons

26 organizaçons do Estado, entre elas Ceivar, solicitarom ao Congreso  dos Deputados num comunicado publicado esta manhá, dar marcha atrás e  nom aprovar a emenda proposta por Unidas Podemos e PSOE  que prevé  reconhecer aos carcereiros a condiçom de agentes da autoridade,  abrindo  assim as portas à sua policializaçom e a um aumento da arbitrariedade  nas decisons que afetam às pessoas presas.

Abaixo a Lei Mordaça!

Nun comunicado publicado esta mañá un total de 26 organizacións manifestaron o seu «absoluto rexeitamento» á emenda formulada polo PSOE e Unidas Podemos á lei mordaza, que recoñece aos funcionarios de prisións como axentes da autoridade. Por tal motivo, os colectivos rexistraron unha petición dirixida ás porta-voces dos grupos parlamentares que compoñen a Comisión de Interior do Congreso, coa finalidade de «frear unha modificación lexislativa que implicaría unha nova regresión democrática».

Segundo fontes das organizacións sociais, esta proposta «implica romper co consenso establecido na Lei Xeral Penal aprobada no ano 1979». Esa norma, tal e como sinalan os colectivos, «supuxo un salto democrático, xa que creou un corpo civil para a xestión dos centros prisionais, en contra do que acontecía no réxime franquista». Neste sentido, a emenda «abre as portas á policialización dos funcionarios de prisión», xa que, de conformidade cos principios constitucionais, «os criterios que han guiar a súa actuación son de índole tratamental e non de réxime nin orde pública».

En opinión dos colectivos, esta reforma constitúe «o abandono da paradigma rehabilitador que teoricamente debe guiar o funcionamento do sistema prisional». No seu lugar, afirman, esta emenda implanta un modelo en que «as persoas privadas de liberdade poderán ser sancionadas por feitos leves tanto pola vía administrativa-penal, como tamén na vía penal, xerando un aumento dos casos en que se acuse e condene por atentado, resistencia ou desobediencia a axentes da autoridade». Alén diso, esta reforma tamén suporá «un aumento das dificultades para denunciar situacións de malos tratos en contexto de privación de liberdade». Desta feita, a presunción de veracidade dos funcionarios de cárcere, que pretende introducir a reforma, «actuará como un elemento disuasorio á hora de presentar denuncias e iniciar procedementos ante unha eventual contra-denuncia por parte dos funcionarios». Así mesmo, sinalan, aumenta a marxe de arbitrariedade nos expedientes sancionadores, incluídos aqueles que afectan gravemente a dereitos fundamentais, como os isolamentos en cela.

As organizacións sociais poñen de manifesto o seu desconcerto respecto desta emenda, dado que esta proposta é presentada pouco tempo despois de publicar o Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa o seu relatorio após a súa última visita ao Estado español. Respecto da situación dos cárceres, o CPT afirmou que «continúa existindo un patrón de malos tratos físicos inflixidos polos funcionarios de prisións como reacción desproporcionada e punitiva ao comportamento recalcitrante dos presos». Segundo a delegación do CPT, as denuncias efectuadas polas persoas privadas de liberdade non poden ser tratadas como resultado das accións dun ou dous funcionarios, «senón que representan unha cultura máis profunda de abuso de poder e impunidade entre certos funcionarios de prisións que traballan nestes cárceres».

Por todo iso, as organizacións sociais solicitaron esta mañá aos grupos parlamentares recuaren nesta reforma que suporía «un paso atrás na garantía dos dereitos das persoas privadas de liberdade e un paso adiante na consolidación da cultura de abuso de poder e impunidade denunciada polo Consello de Europa».

Organizacións asinantes:

  1. Asamblea de la Marcha contra la Macrocárcel de Zuera
  2. Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA)
  3. Asociación Libre de Abogadas y Abogados de Madrid – ALA
  4. Asociación Libre de Abogados y Abogadas de Zaragoza – ALAZ
  5. Asociación de Derecho Penitenciario Rebeca Santamalia (ASDEPRES)
  6. Asociación Salhaketa – Araba
  7. Asociación Salhaketa – Nafarroa
  8. Associació Catalana per a la Defensa dels Drets Humans
  9. C. A. M. P. A. (Colectivo de Apoyo a Mujeres Presas en Aragón)
  10. Ceivar, Organismo Popular Anti-repressivo
  11. Colexio da Avogacia de Ourense
  12. Comisión Legal Sol
  13. CNT-AIT Tarragona
  14. Observatorio del sistema penal y los derechos humanos de la Universidad de Barcelona
  15. EsCulCa
  16. Famílies de Presos a Catalunya
  17. Federación Andaluza Enlace
  18. Federación Provincial de Drogodependencias Liberación
  19. GrupoDerechosCiviles15mZaragoza
  20. IACTA Cooperativa d’Advocades
  21. Institut de Drets Humans de Catalunya
  22. Irídia – Centre per a la defensa dels drets humans
  23. La Corda – Grup anticarcerari de Reus
  24. OTEANDO. Observatorio para la defensa de los derechos y libertades
  25. SODePAz Balamil
  26. Zambra Málaga