Açons conjuntas polo direito à saúde das presas

O próximo sábado 20 de Fevereiro estam convocadas duas concentraçons em Ponte-Vedra e Ourense por familiares, amizades e coletivos de apoio às pessoas presas para denunciar as circunstáncias abusivas nas que se atopam e demandar soluçons à situaçom de vulneraçom de direitos às que estam submetidas.

Entre as exigéncias que se reclamam estam a compensaçom polo recurdecimento engadido da estáncia em prisom, a reduçom da povoaçom carcerária e a recuperaçom de comunicaçom e visitas.

Os atos estam previstos nos seguintes lugares e horários:

  • PONTE-VEDRA: Praça da Peregrina às 17:00h
  • OURENSE: Rua do Passeio às 11:30h

Publicamos a continuaçom a informaçom do site da coordinadora anti-repressiva Abaixo os muros!:

A situación extrema creada nos cárceres no contexto da alarma social e sanitaria creada polo COVID, levounos a un grupo de familiares e amizades de persoas presas, co apoio doutros colectivos implicados na defensa dos dereitos humanos, a denunciar o abusivo das circunstancias e demandar solucións á situación de vulneración dos dereitos das persoas presas.

NON SE REDUCE A POBOACIÓN PENITENCIARIA, SÓ OS SEUS DEREITOS

Atendendo as recomendacións das máis altas institucións en materia de saúde pública, a maioría dos estados europeos reduciron o número de presas e de presos para evitar os riscos da pandemia. Pola contra, o estado español non fixo máis que agravar a situación da nosa xente presa, quitándolles un tras outro os seus dereitos. Nos últimos meses a poboación reclusa padeceu a suspensión de vises e visitas (incluso de avogadas/os), de actividades programadas, de titorías da UNED, do servizo de demandadeiro, das saídas a polideportivos, da axuda do voluntariado, etc. A paralización dos Equipos Técnicos e das Xuntas de Tratamento impediu as progresións de grao e o acceso a réximes de liberdade condicional, infrinxindo o dereito fundamental á liberdade dalgúns internos e internas en condicións de saír á rúa en réximes de semiliberdade. Suponse que o cárcere serve para reinsertar ás persoas presas, pero nesta situación comprobamos como prevalece o castigo a calquera outro fin, que se ve agravado con medidas “sanitarias”, como as corentenas sofridas en réximes de isolamento estrito logo dos traslados ou das visitas. Isto é ilegal: se nas actuais circunstancias o estado non pode cumprir coa sua propia lei, que abran as portas e deixen saír ás persoas que teñen dentro. Polo tanto esiximos a excarceración das persoas presas, xa que Institucións Penitenciarias non cumpre nin a súa lei de réxime interno nin toma medidas efectivas e reais que velen pola súa seguridade e integridade.

PERSOAL MÉDICO CASE INEXISTENTE

Denunciamos a actual situación sanitaria dentro dos cárceres, totalmente insuficiente nunhas condicións normais, pero que resulta moi preocupante nun contexto de alarma sanitaria. Esta situación é a que explica as medidas que se toman para abordar a crise: resulta máis barato restrinxir os dereitos dos reclusos que solucionar esta grave desatención médica. Frente a gravidade desta situación, esiximos a excarceración das persoas presas vulnerables (as gravemente enfermas, as maiores de 60 anos e con patoloxías previas crónicas) e das mulleres embarazadas e con crianzas, así como das persoas con enfermidades mentais ante un agravamento da súa saúde a consecuencia da vivencia dentro dun contexto de incertidume e maior illamento social. Esiximos o dereito á saúde das persoas presas. Se o coronavirus entra na prisión, haberá que baleirar os cárceres.

NON HAI MEDIDAS COMPENSATORIAS

Esiximos medidas para paliar todo o sufrimento co que vivenciamos esta situación durante meses, e o que está por vir. Denunciamos o desprezo co que son tratados os nosos dereitos cando se nos proibe ver aos nosos seres queridos a través dun vidro. Mentres os carcereiros entran diariamente dende a rúa, o noso tempo de estar en familia, xa de por si escaso, pretende ser trocado por unha videochamada de dez minutos. Queremos a devolución dos vises perdidos durante a corentena (compromiso adquirido pola maioría das direccións dos cárceres dos que temos información, que agora están sendo denegados sistematicamente) e os que se perdan diante de futuras restricións. Queremos que se axilicen as concesións de terceiros graos, a liberdade para as presas e presos preventivos, indultos xerais ou parciais para cada interna/o e o abono polos días que dure a situación excepcional de alarma na liquidación da condena (producindo unha rebaixa extraordinaria equivalente á prolongación temporal desta situación). Propomos que se tome a temperatura e en último caso, que se nos faga a proba ás familiares e amizades ao entrar na prisión, mais que en ningún caso se nos quiten as visitas e vises. Ademais están a ser os carcereiros os que na maior parte dos casos introducen o virus. Facemos fincapé en que a desatención sanitaria nos cárceres non é dagora, ven de moi atrás. Situación insostible que vemos nas mortes que acontecen nas prisións e das que ninguén se fai responsable.

DEFENDAMOS O DEREITO Á SAÚDE DAS PERSOAS PRESAS!
ante o aumento da falta de medios e dereitos pola pandemia:
ESIXIMOS A COMPENSACIÓN POLO RECRUDECEMENTO ENGADIDO DA ESTANCIA EN PRISIÓN
ESIXIMOS A REDUCCIÓN DA POBOACIÓN CARCELARIA
ESIXIMOS RECUPERAR AS VISITAS E AS COMUNICACIÓNS
ABAIXO OS MUROS DAS PRISIÓNS