Marcha ao cárcere de Teixeiro pola vulneraçom de direitos das pessoas presas ante a COVID

Familiares, amizades, coletivos e individualidades convocam a XXI Marcha a Teixeiro o vindeiro 26 de Dezembro para denunciarem que, perante a estratégia europeia de diminuir a povoaçom penitenciaria polos riscos da pandemia, a única política do estado espanhol é a restriçom de liberdades e a limitaçom do direito á saude.

Após a Marcha á Lama o pasado 26 de setembro, colectivos políticos e sociais convocan a XXI Marcha ó cárcere de Teixeiro para o 26 de decembro. O punto de saída do percorrido que leva á prisión será a gasolineria (N. 634, Km 633, Curtis) e terá lugar ás 11 horas.

O obxectivo é reivindicaren o dereito á saúde das persoas presas, así coma denunciar a restrición de liberdades que se están a produciren dende o inicio da pandemia. Baixo o lema “Prisión + Covid= Dobre encerro”, a iniciativa nace de man dun grupo de familiares e amizades de persoas presas e é apoiada por diferentes colectivos e indiviualidades implicados na defensa dos dereitos humanos.

Atendendo ás recomendacións das máis altas institucións en materia de saúde pública, a maioría de estados europeos reduciron o número de persoas presas para diminuíren os riscos da pandemia. Pola contra, a política do estado español foi a de ir desleixando de dereitos a poboación reclusa, xerando un estado de excepcionalidade permanente.

Isto traduciuse na suspensión das visitas e vises. Tamén se paralizaron as actividades programadas, as titoría da UNED, as saídas a polideportivos e os voluntariados. Ademais, a paralización dos Equipos Técnicos e das Xuntas de Tratamento impediu as progresións de grao, o acceso a réximes de semiliberdade e os permisos para saíren á rúa. Doutra banda, despois de traslados ou visitas, as persoas presas están a sufriren corentenas en réximes de isolamento estrito, o que é ilegal. Finalmente, a nivel sanitario, estas políticas de restricións precarizaron unha atención médica xa de por si deficiente. A consecuencia máis extrema son as mortes das que ninguén se fai responsable.

A XXI Marcha ó cárcere de Teixeiro pretende, logo, que se actúe na liña do que fixo Europa permitindo a saída dos colectivos máis vulnerables. Isto é: As persoas gravemente enfermas, as maiores de 60 anos e con patoloxías previas crónicas. Tamén, as mulleres embarazadas e con crianzas e as persoas con enfermidades mentais. Doutra banda, no canto de eliminaren as visitas, familiares e amizades propoñen medidas coma tomar a temperatura ou facer probas antes de entraren nas prisións, lembrando que son os funcionarios quen, na meirande parte dos casos, están a introducir o virus.

A iniciativa propón, así mesmo, a adopción de medidas compensatorias como a devolución de vises perdidos e dos que se perdan en futuras restricións. Tamén se recomenda a concesión de terceiros graos, a liberdade para presas e presos preventivos, indultos xerais ou parciais para cada interna e o abono polos días que dure a situación excepcional de alarma na liquidación da condena. Así pois, as medidas compensatorias darían lugar a unha rebaixa extraordinaria equivalente á prolongación temporal da situación de excepcionalidade.

DEFENDEMOS O DEREITO Á SAÚDE DAS PERSOAS PRESAS

Ante o aumento da falta de medios e dereitos pola pandemia:

Esiximos a compensación polo agravamento engadido da estancia en prisión

Esiximos a redución da poboación carceraria

ABAIXO OS MUROS DAS PRISIÓNS