Juíza investiga desatençom sanitária com resultado de morte na prisom de Bonxe (Lugo)

A continuaçom reproduzimos a nova publicada polo Observatório para a Defesa dos Direitos e Liberdades EsCULcA:

l27c7f1No xulgado núm. 1 de instrucción de Lugo, xuiz Pilar de Lara, cumúlanse xa mais dunha ducia de casos que afectan funcionarios, médicos e mesmo o director do cárcere de Bonxe. Algúns referidos a alegadas desatencións sanitarias que derivaron na morte de reclusos; outros, a supostos favores ilícitos para presos VIP; algún máis, a posibeis malos tratos entre reixas.

O enésimo caso aberto investiga a desgarradora historia de S.L., un doente que agoniza despois de consumir 22 dos 53 anos da súa vida en celas, e que asegura que o cárcere de Bonxe lle “roubou catro anos” de liberdade. O exrecluso, nacido en Ortigueira (A Coruña), doente de VIH, hepatite crónica, atrofia muscular, desnutrición extrema e varias doenzas máis, declarou o pasado 9 de xuño perante De Lara e na mesma mañá foi examinado por un forense para determinar que parte da deterioración física pode ser debida á mala atención duns servizos médicos carcerarios.

Nas últimas semanas de espera, S.L. estivo hospitalizado varias veces, como el mesmo di, para “resistir”. Outras fontes próximas ao caso aseguran que a declaración perante a xuiz foi “moi satisfactoria”, e que durante catro horas S.L. describiu “moitos detalles” á maxistrada sobre a súa “calvario” en prisión.

O director do cárcere de Bonxe, Modesto Gutiérrez, principal funcionario contra o que o exrecluso dirixe a súa querela por prevaricación, non quixo dar a súa versión dos feitos porque se trata dun asunto “xudicializado”. “Temos toda a documentación preparada e en regra esperando que nola pidan” no xulgado, comentou. “Os informes e feitos son os que son” mais “non quero entrar a criticar: cada cal ten que facer o seu traballo como profesional”, resolvía en alusión a De Lara. Respecto da cantidade de casos que se cumulan nos xulgados de Lugo, Gutiérrez entende que se trata dun “efecto chamada”; ven que vai un e van outros detrás.

“Os internos non poden recorrer a unha segunda opinión médica”, di o xuíz. “Deben confiar a cegas nos de prisión”

S.L. conta que xamais foi informado de que tiña dereito a pedir a acumulación das condenas (por delitos semellantes, neste caso de roubo con intimidación ou con violencia, mais ningún de sangue), e que por tanto a súa pena debería ser substancialmente reducida. Segundo o seu avogado, Waldir Sinisterra, é responsabilidade dos servizos xurídicos da prisión reunirse cada seis meses co interno para revisar a súa situación, algo que, con S.L., segundo el, non se fixo.

En xaneiro, despois de varios ingresos hospitalarios do seu cliente e á vista da profunda deterioración da súa saúde, Sinisterra pediu a liberdade condicional “por razóns humanitarias”. O xulgado de Vixilancia Penal desestimouna, di, “baseándose no informe do médico” de prisión, que foi “aprobado por unanimidade polo director e a xunta de tratamento do centro penal”. Alí dicíase que S.L. “podía seguir delinquindo”, lembra o letrado, “cando camiña valéndose dun bastón, e necesita tres cuartos de hora para percorrer 60 metros”. “Este é un sistema deshumanizado”, lamenta o representante legal, “non o vían consumíndose e morrendo cada día? Catro anos, e mesmo catro meses de máis no cárcere, para S.L., é toda unha vida”.

Após este intento fallado, Sinisterra optou por pedir a acumulación de condenas. E fíxoo “a cegas”, porque “a día de hoxe, os servizos xurídicos do centro penal non facilitaron o historial” con todas as sentenzas de S.L. A resposta non demorou: o 30 de marzo, o xulgado do Penal número 2 de Lugo concedía a liberdade ao preso. Segundo el, despois de o ter “retido tanto tempo, botárono á rúa sen previo aviso”, sen o deixar telefonar ao avogado para que fose recollelo e sen a medicación que necesita. S.L. toma “22 pastillas ao día”, e durante unha semana, até que xestionou o cartón da sanidade pública galega, só tivo aqueles fármacos que logrou facilitarlle a ONG que o apoia, Aliade Ultreia. Nos anos que pasou entre reixas morréronlle o pai, a esposa e o irmán. Di que ninguén o avisou e que non puido ir aos enterros.

En 2013, a xuíz chegou a imputar o xefe médico de Bonxe pola morte dun preso

Na querela contra o director e os membros da xunta de vixilancia penal de Bonxe, o exrecluso achega documentación que supostamente demostra que en prisión non respectaron durante anos a orde dun neumólogo do hospital público acerca dun medicamento fundamental que debían fornecer a S.L. O paciente relata, ademais, que a súa vida no cárcere tornouse “invivibel” cando decidiu recorrer ao diario El Progreso de Lugo para denunciar os seus problemas. Desde entón, segundo recolle a querela, comezaron as “represalias”. Lembra que cando tiña unha crise e buscaba axuda na enfermaría de Bonxe o médico recibíao dicíndolle: “Vai co xornalista a que che saque a dor”, “Vas comer toda a condena con patacas”.

Nos xulgados de Lugo tamén hai dilixencias sobre supostos beneficios a presos privilexiados, como o empresario Jorge Dorribo, propietario da empresa farmacéutica Nupel e principal imputado da Operación Campión, que durante un tempo salpicou ao exministro José Blanco. Segundo gravacións telefónicas e varias declaracións de imputados, incluído o propio Dorribo, o trato con el foi diferente, o director de Bonxe recibiuno no seu despacho nada máis chegar ao centro e o preso xamais foi movido do módulo de ingresos para evitarlle ter que convivir coa poboación reclusa. Ademais, recibiu agasallos do exterior como unha caixa de puros Cohiba.

Tamén saíu á luz que varios xefes da trama de proxenetismo que desmantelou a Operación Carioca recibiron teléfonos móbiles e puideron chamar ao exterior sen que quedase rexistro. A xuíz ordenou o traslado a outro cárcere do xefe da rede, J. M. G. A., para evitar que puidese encarregar a colaboradores a destrución de probas ou ameazar o centenar longo de mulleres que se atreveron a testemuñar contra el.

De Lara tamén quere investigar as canles polas que supostamente chega a droga a prisión. Segundo varios avogados consultados, as familias e os letrados son sometidos a unha revisión meticulosa cando van de visita e “parece imposíbe que entre nada por esta vía”. Mais varias das mortes acaecidas en estrañas circunstancias dentro de Bonxe nos últimos anos foron atribuídas a sobredoses.

En 2013, a xuíz chegou a imputar o xefe médico de Bonxe pola morte dun preso. Atribuíalle os delitos de omisión do deber de prestar socorro, homicidio por imprudencia grave e falsidade en documento público. Nun auto durísimo co cárcere, De Lara defendía que a asistencia médica a E.P., que cumpría unha condena de tres anos por un delito de lesións, fora “nula”. Tiña “graves síntomas”, mais recibiu “unha total e negativa falta de atención”. O doutor Antonio Chorén diagnosticoulle no centro unha enterite, mais en realidade sufría pancreatite aguda. O mesmo día en que saíu de permiso, sen poder apenas respirar nin camiñar, a súa familia levouno a Urxencias e quedou ingresado. Xa non regresou a Bonxe porque morreu ao tres días.

Segundo os testemuños que recolleu a maxistrada durante a investigación, o médico negábase a explorar E.P. “Xa estou farto de verte aquí, non quero atenderte”, gritou ao doente -segundo contou logo outro preso- cando lle foi a rogar que autorizase o seu ingreso nun hospital. A última vez que, tal e como recolle o auto da xuíz, entrou a implorarlle asistencia, o facultativo limitouse a lanzarlle desde o outro lado da sala uns sobres de soro oral para aplacar esa falsa enterite que non remitía. O mesmo xefe médico estivo imputado pola morte doutro recluso por infarto nun curto prazo de tempo. Durante a investigación, o xuíz descubriu que Chorén, o único autorizado para usar o desfibrilador en prisión, ausentábase do seu posto en horario laboral, e que só puido tentarse reanimar o doente manualmente. Con todo, os casos tiveron que ser arquivados o ano pasado pola morte do médico imputado.

“A situación de privación de liberdade é sen dúbida das máis terribeis que pode sufrir unha persoa”, escribía Pilar de Lara no auto co que declaraba extinta a responsabilidade penal de Chorén. A atención sanitaria aos reclusos debe ser “non só boa, senón extraordinaria” xa que “os internos están privados da posibilidade de escoller un ou outro profesional, ou de recorrer a unha segunda opinión médica, debendo confiar case a cegas no criterio dos médicos que conforman o servizo de prisións”. “Para acudir a urxencias deben pasar o filtro do servizo de garda” do centro penal. E nen “tan sequera son libres de poder tomar a medicación dispensada polos especialistas do servizo xeral de saúde”.