“Por unha carta sen nome nen data acusáronme de ser xefe de finanzas de Resistência Galega”

A continuaçom reproduzimos literalmente a entrevista feita por Sermos Galiza a Júlio Saiáns e publicado na ediçom em papel deste mês.

juliBombeiro florestal e “carpinteiro á vez”. Militante en organizacións vinculadas á defensa da lingua e a cultura e ao movemento independentista galego. Pai dunha crianza que vén de cumprir dous anos, tamén anda mergullado na creación dunha escola infantil da rede Semente en Ferrolterra.

Porén, nengunha destas dedicacións, nen tampouco a súa paixón polas embarcacións tradicionais motivaron que o nome de Júlio Saiáns aparece na capa de toda a prensa o 29 de outubro de 2012. Ese día á noite a Policía Española chamou á súa porta para o prenderen e someteren á lexislación antiterrorista canda Sílvia Casal e Martinho, o filho que ambos teñen en común e que daquela contaba oito meses de idade.

O motivo resumímolo no titular que o Ministerio español de Interior facilitou á prensa: Detenido el jefe del aparato de financiación de Resistência Galega. Despois de catro días de incomunicación, mes e medio de encarceramento e sometido á dispersión un ano e dou meses en liberdade provisoria. O Ministerio de Interior, desta volta, non facilitou ningún titular para a prensa.

Após o acusaren de dirixente dunha “organización terrorista” pensou nalgún momento na súa libre absolución?

Non. Estaba bastante mentalizado de que non seria así. Sobre todo após ver o xuízo de xuño – contra Maria Osório, Antom Santos, Roberto Fialhega e Eduardo Vigo- e sabendo que me tocaba o mesmo tribunal.

Os avogados pediron até en cinco veces que arquivasen a miña causa e isto non acontecía. O 2014 era definitivo porque o sumario estaba pechado desde que entrei en Soto del Real. Non esperaba que me condenasen polos 18 anos que me pediron cando me procesaron – febreiro de 2013-. Mais si que estaba convencido de que habería un xuízo e unha condena porque a estratexia do Estado está clara: perseguir militantes e castigar a disidencia. Podía tocarlle a calquera e desta volta tocounos a nós.

Como lembra aquel 29 de Outubro?

Pois xusto esta semana pasoume este ano todo pola cabeza coma un flash após saber que me arquivaban a causa. O primeiro recordo que me vén foi o de que estaba a facer cando petaron á porta. Esta co meu cativo, cantándolle para o intentar durmir. Foi aí cando petaron varias veces. Abrín e topei coa sorpresa de que viñan por nós.

 

Imaxino que o acontecido coa súa familia mais nomeadamente coa súa crianza traspasa toda liña vermella do que se pode agardar dun operativo policial.

Ás veces aparentas ser duro e es o máis feble. O acontecido foi un shock, un shock moi importante porque estaba a miña familia polo medio. Nos catro días que durou a incomunicación o único que tiña na cabeza era o meu fillo primeiro e despois Sílvia Casal – nai da crianza e compañeira de Saiáns, tamén detida e trasladada á Audiencia Nacional malia que o seu nome nin sequera aparece no sumario do caso-. O meu fillo tiña oito meses e era lactante. Aínda o é agora, mais daquela non comía máis nada e eses tres días e medio tivérono sen mamar.

E despois disto que vén de relatar, sostén aínda que non houbo malos tratos no tempo que estivo preso?

Ao ver o resultado, a causa arquivada, xa se pode dicir que é inxusto que ese día chamaran à nosa porta. Non houbo malos tratos físicos. Psicolóxicos si pero son os mais difíciles de demostrar. Amezáronos con quitarnos a casa, con perdermos o noso fillo, a Sílvia dicíanlle que “se te acabó el teatrito” – Sílvia é actriz de teatro-… Foi duro. Polo demais sei que custa crelo mais o momento máis feliz que vivín foi cando entrei en Soto del Real porque ese mesmo dia entereime de que Sílvia quedaba libre e sen cargos e que ia estar con meu fillo. Foi un alivio. Despois xa puiden centrarme nas miñas outras preocupacións que eran que estaba preso (sorrí). Sei que pode soar contraditorio e mesmo frío, mais foi así: cando tes unha crianza que leva tres días case sen comer… o resto tanto che ten.

Que indicios ou que probas tiñan contra vostede e que xustificasen a detención?

Pois tardei moito en o saber. Pregunteino varias veces porque, fora de ser independentista e de pertencer a este movemento no sentido amplo do termo non tiña moi claro por qué estaba alí. Eles dicíanme todo o tempo que xa me enteraría e que as acusacións eran moi graves. O 1 de novembro cando me levaron perante o xuíz Eloy Velasco non tiña intención de declarar. Porén botaron os meus avogados da sala e tiven que ficar co de oficio. Entón a miña estratexia centrouse en saber qué tiñan contra min e aceptei responder a dúas preguntas. Unha contesteina. A segunda xa non fixo falla. O que tiñan era unha carta sen nome e sen dada que me atribuían a min sen nin sequera facer unha proba caligráfica. Para alén diso, faláronme tamén dunhas supostas reunións que tería mantido con Maria Osório e con Antom Santos – xulgados por pertenza a banda armada e falsificación de documentos e condenadas a 10 anos de cárcere en virtude dunha sentenza que aínda non é firme-. Isto era o groso, ao cal sumaron o meu historial de militancia en diversos colectivos para me pór o sobrenome de xefe de finanzas dunha tal Resistência Galega.

Como é a vida en liberdade provisoria?

É unha prisión sen barrotes.

Que lle diría ao tribunal mediático?

A súa estratexia está clara tamén: condenar a priori, sen xuízo e sen posibilidades de defensa e criminalizar un movemento político. Cumpren a súa función de correa de transmisión. Porén o que nós queremos agora é que nos devolvan as fotografías e os obxectos persoais que roubaron da nosa casa.