VI Congresso da CIG denuncia o juízo político do 24J na Audiência Nacional

VIcongressoCIGO VI Congresso Confederal da CIG que rematou este domingo 26 de Maio, aprovou por aclamaçom umha resoluçom especial contra a criminalizaçom das ideias e os movimentos sociais na que se denúncia o juízo político contra quatro militantes independentistas que terá lugar o próximo 24 e 25 de Junho na Audiência Nacional. A continuaçom anexamos esta resoluçom que se pode visualizar a partir do minuto 7´45 no vídeo que acompanha esta nova (clicar na imagem).

Contra a criminalización das ideas e os movementos sociais

O xurista alemán Günther Jakobs chamou Dereito Penal do Inimigo ao fenómeno xurídico pola cal se produce unha demonización de ideas políticas ou movementos sociais, que son presentados como «inimigos» do resto da sociedade. Isto tradúcese nun aumento desmesurado da violencia estatal contra tales colectivos, exhibida socialmente como mecanismo de autodefensa.

Ningún movemento social contestatario está libre da ameaza de aparecer como novo inimigo público. En datas recentes, membros do Goberno español non tiñan reparo en compararen os escraches co nazismo, ou a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) coa ETA.

A represión sufrida polo sindicalismo da CIG nos últimos anos exemplifica as notas que definen este Dereito Penal do Inimigo: adiantamento da punibilidade (prohibición de realizar concentracións ou divulgalas publicamente mediante cartaces e megafonía); penas desproporcionadas respecto do Dereito Penal ordinario (como recoñeceu a propia Audiencia Provincial de Pontevedra ao estimar o recurso dos sindicalistas condenados por feitos acontecidos na folga do comercio de alimentación); e supresión de garantías procesuais (detencións realizadas con violencia e desproporción, tratamento mediático criminalizador). A isto hai que engadir a sangría monetaria que supón a «represión de baixa intensidade» en forma de reiteradas sancións administrativas.

As novas formas de criminalización revesten especial gravidade no caso de activistas sociais e militantes independentistas, que sofren a prisión preventiva de longa duración, a dispersión sistemática  -que conculca a propia lexislación penitenciaria española-, a desatención hixiénico-sanitária e alimenticia e a demonización das súas ideas políticas. Neste sentido, queremos denunciar, como outra gravísima, e inminente, expresión da aplicación do Dereito Penal do Inimigo, o juízo político ao que se enfrentan o próximo 24 de xuño catro nacionalistas galeg@s na Audiencia Nacional española e que é o preludio -segundo xa denunciaron os seus avogados nos medios- dunha campaña de criminalización, detencións e, probabelmente, ilegalizacións de organizacións e colectivos independentistas galegos que é inasumíbel e rechazábel desde calquera óptica minimamente democrática.

Todos Estes mecanismos represivos son obxecto de denuncia e rexeitamento por parte do Congreso Confederal da CIG.