Declaraçons do advogado das quatro imputadas por “enaltecimento do terrorismo”

Publicamos a continuaçom o vídeo editado por GalizaContrainfo das declaraçons do advogado Alexandre Cortizas após a declaraçom nos julgados de Ourense de três das quatro imputadas pola fiscalia da AN por enaltecimento do terrorismo polo facto de aparecer portando as fotos d@s pres@s independentistas no “lipdub” do centro social Aguilhoar de Ginzo.

AN_20130401

Também aproveitamos para colar a nova de SermosGaliza sob estas declaraçons:

Avogado d@s imputad@s por ‘enaltecemento’ en Xinzo atribúe a causa a “movementos políticos”

Os feitos relaciónanse coa gravación dun lipdub hai un ano. O letrado relaciona o interese da fiscalía da Audiencia Nacional en espertar agora este procedemento co peche “inminente” de tres sumarios contra cinco independentistas e o recente escrito de acusación contra outr@s catro en que se mantén o delito de ‘pertenza a banda armada’

Tres d@s catro independentistas cuxa imputación por ‘enaltecemento do terrorismo’ interesou a fiscalía da Audiencia Nacional española após saíren bailando nun lipdub coas fotos d@s pres@s galeg@s prestaron declaración esta segunda feira no xulgado nº3 de Ourense. A cuarta imputada comparecerá nos xulgados de Ribeira nos vindeiros días. Todo o que conten pasará a mans do titular do xulgado central nº4 da Audiencia Nacional, Fernando Andreu quen, previo informe da fiscalía, decidirá se os feitos son constitutivos de delito

O avogado d@s moz@s, Alejandro Cortizas, vinculou a causa con “movementos puramente políticos ” e relacionouna co peche “inminente” doutros tres sumarios que recollerán as peticións de pena para Júlio Saiáns nun deles; Xurxo R. Olveira e Héctor Naia ‘Koala’ noutro; e Carlos Calvo, Xurxo R. Olveira e Diego Santín nun terceiro.

Un procedemento que responde a “movementos puramente políticos”

Ao fío, Cortizas informou de que a apertura de distintas causas, como esta por ‘enaltecemento’ ou aqueloutra en que o compostelán Júlio Saiáns fica imputado como ‘xefe de finanzas’, responde á tentativa de “ir sentando as bases para despois montar unha banda armada nun momento”. Así as cousas, os feitos que, ao entender da fiscalía, merecen a cualificación de delito correspóndense coa gravación dun lipdub en Xinzo da Limia o 31 de marzo de 2012, cadrando co 7º aniversario do centro social Aguilhoar.

“Tiveron o procedemento adormecido para espertalo cando mellor lles conviu. A xente que sae no video colleu algunha das pezas que facían parte da decoración do local” sen máis intención que a de reivindicar a lingua e a cultura do País, recordando ao mesmo tempo @s independentistas presas. Por tanto, o letrado subliñou que “nada do que lles queren imputar existe” e recalcou que “non teño nin idea do que poderá decretar” Fernando Andreu porque no procedemento aberto contra @s catro veciñ@s de Xinzo (R.L., L.L., M.B. e J.M.A) “hai un substracto xurídico, mais son movementos puramente políticos”.