O dispositivo policial com que detiverom a Senlheiro saltou mais de 30 vezes antes de prender ao independentista

SenlheiroColamos a continuaçom o artigo de Beti Vázquez publicado no Sermos Galiza no que se analisa a detençom e posterior declaraçom na AN de Senlheiro. A imagem que acompanha esta informaçom foi tirada da página Coletivo de apoio a Senlheiro.

Hadrián Mosqueira Pazos, detido a comezos de xaneiro baixo a lei antiterrorista, declarou que “nunca chegou a tocar” nin a bolsa nin os explosivos que a garda civil dixo que levaba enriba. O atestado policial ao que tivo acceso a defensa sitúa a hora do arresto nas oito do serán, e non de madrugada

O dispositivo policial de vixilancia con que detiveron o veciño de Ames Hadrián Mosqueira Pazos, ‘Senlheiro’, saltou máis de 30 veces “ao paso de veciños do lugar e de animais” antes de que prenderan o mozo, segundo consta no atestado policial redactado após a detención e ao que tivo acceso a defensa.”Por que lle apareceu a garda civil a el e non nas outras ocasións? Porque estaban a agardar a que pasase un independentista”, augurou en conversa con este xornal o avogado Borxa Colmenero. Segundo indicou o letrado, o operativo, con infravermellos e cámaras de vixilancia, levaba montado desde setembro, cando ubicaron nese mesmo monte o xornalista Carlos Calvo, a quen vincularon, ao igual que aconteceu con Mosqueira Pazos, coa organización Resistencia Galega para seguilo e arrestalo finalmente en Vigo. Desde aquela atópase en prisión preventiva, e o seu caso fica baixo segredo de sumario.Probas de ADN para demostrar que ”nunca tocou” os explosivosNa súa declaración perante o xuíz Fernando Andreu, Mosqueira Pazos sinalou que o día do seu arresto, o 8 de xaneiro, paseaba polo monte dos Batáns, a 500 metros da súa casa, no lugar de Quistiláns, e non levaba nada enriba. O atestado da policía, se ben non confirma este testemuño, tampouco di que Senlheiro camiñase coa bolsa cando foi detido. Así, os termos metálicos que a imprensa puxo na súa man, reproducindo un comunicado do Ministerio de Interior, terían sido localizados no interior dunha casa en ruinas. O independentista declarou que “nunca chegou a tocalos” e para corroborar as súas palabras accedeu a que se lle practicasen as correspondentes probas de ADN, cuxo resultado demorará aínda varias semanas.

O mesmo documento policial, ao que tivo acceso o avogado da defensa, sitúa a hora do arresto por volta das oito do serán, e non “de madrugada”, tal e como se difundiu na imprensa. Desde ese momento e até o día seguinte ás doce do mediodía, cando o levaron ao seu domicilio para proceder co rexistro, “paseárono polo monte e ameazárono, mais el non declarou nada”, tal e como informou Colmenero a este xornal.

O xuíz levantoulle a incomunicación antes de lle tomar declaración Malia ficar incomunicado ao lle aplicaren a lei antiterrorista desde o momento da detención, aproveitou a presencia de familiares e amizades diante da casa para berrar que o torturaran no monte. “Efectivamente, durante a declaración perante o xuíz ratificouse no que dixera daquela, mais especificou que as torturas foran psicolóxicas e sinalou que remataran coa denuncia pública”, subliñou o letrado.

Así as cousas, Hadrián Mosqueira estivo incomunicado tres días, até que prestou declaración no xulgado central de instrución nº4 da Audiencia Nacional española, cuxo titular,  Fernando Andreu, accedeu a lle levantar a incomunicación antes de ouvir o seu testemuño, polo que o independentista tivo a posibilidade de se entrevistar primeiro co seu avogado e de leren o atestado policial.

Segundo matizou Colmenero, Andreu rachou deste xeito co procedemento habitual que se segue cos e coas pres@s vinculadas ao independentismo, e que atopa amparo na lexislación antiterrorista, e aplicoulle tamén o denominado ‘protocolo Garzón’, en virtude do cal tivo acceso a un médico da seguridade social.

“Tampouco é habitual que se aplique”, indicou, tal e como teñen denunciado colectivos en defensa dos dereitos e das liberdades, como Esculca. “Cando as detidas son mulleres si que se aplica, curiosamente”, acrecentou Colmenero, e exemplifica as súas palabras co acontecido con dúas mozas detidas en decembro de 2011 tamén baixo a lei antiterrorista e que foran transladadas a un ambulatorio de Vigo. Ambas as dúas quedaron en liberdade sen cargos.

A defensa non descarta a liberdade baixo fianza nos vindeiros mesesSegundo a información que manexa a defensa, Mosqueira Pazos tiña todas as comunicacións intervidas e, malia revisar o seu contido e os documentos requisados no rexistro domiciliario, a policía non tería atopado información algunha que xustifique a súa estadía no cárcere. Informou o avogado que, de acordo co que se desprende da información da imprensa masiva, a policía buscaría unha segunda persoa relacionada con estes feitos, encargada de deixar na casa do monte os explosivos cuxa manipulación se lle atribúe a ‘Senlheiro’. Porén, aínda que o segredo do sumario xa se levantou, “aínda non podemos ter acceso a todo o proceso”, polo que para a defensa é “moi difícil” poder contrastar as probas. Malia isto, de se confirmar a declaración ofrecida por Senlheiro cos resultados obtidos das probas de ADN practicadas, Colmenero non descartou a liberdade baixo fianza nos vindeiros meses, situación en que se atopan desde decembro Julio Saiáns e Héctor Naya ‘Koala’.