Vigiar e punir

cadeia_humana_2012_02Publicamos umha análise da reforma do Código Penal aparecida no Sermos Galiza impresso do 27 de Julho deste ano, e agora também disponivel no seu formato digital. Artigo de Beti Vázquez junto ao advogado e militante de Esculca Guillerme Presas, no que ademais examinam o furto à classe obreira do dereito a folga.

Foto: Galiza Contrainfo da V Cadeia Humana pola Liberdade d@s Pres@s Independentistas

 Xa no século XVIII, Cesare Beccaría dixo que a taxa de criminalidade se reduce educando ou, no peor dos casos, acudindo á privación de liberdade de curta duración. “Abride escolas e fecharedes cárceres”, retou no XIX Concepción Arenal. Mais o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, non le os clásicos.

Para alén do retroceso en materia de aborto que se contempla no anteproxecto de reforma do Código Penal, até un sistema máis restritivo que o de 1985, a lectura do texto permite advertir un atraso que coloca riba da mesa estratexias político-criminais máis propias do franquismo que dun Estado que se denomina democrático.

Analizamos a reforma con Guillerme Presas, penalista galego e militante do Observatorio polos Dereitos e as Liberdades Esculca, centrándonos nas dúas novidades, ao noso entender, máis importantes: a prisión permanente revisábel e a custodia de seguridade.

Máis unha cadea perpetua encuberta

A privación de liberdade que ampara o Código Penal español após a reforma de 1995 é das máis altas da nosa contorna xurídica: 30 anos, que poden chegar até 40 se se aplicar a lei antiterrorista. O cumprimento íntegro das penas é outro dos grandes reclamos punitivos feitos desde o Goberno español —tanto do PP como do PSOE—, ao non interpretaren nin o terceiro grao nin a liberdade condicional como privación de liberdade.

Mais as penas cúmprense, íntegras, tamén desde 1995. En textos penais como o francés, o alemán ou o inglés, contémplanse condenas vitalicias, mais estas revísanse aos 15 anos após unha petición de indulto que se concede sempre. “No estado temos a taxa de criminalidade máis baixa de Europa, e na Galiza redúcese aínda até a metade. Mais temos unha das porcentaxes máis altas de poboación reclusa, e o Código Penal máis duro”, remarca Presas.

Con este pano de fondo, a prisión permanente revisábel non é máis que outro eufemismo. “Co código actual na man xa podemos dicir que existe a cadea perpetua”, sinala o penalista, en referencia ao incremento dos anos de privación de liberdade aos que pode ser condenada unha persoa, desde os 30 no CP de 1944, que a redención de penas polo traballo deixaba en 20.

O afán de castigar afuma calquera vestixio dese obxectivo resocializador que debería ter calquera pena. “Todos os gobernos abandeiraron o mesmo discurso, apuntando cara a unha falta de seguridade que non existe”. Lexislar facendo bandeira da alarma social perante delitos especialmente atractivos para o cuarto poder, a prensa, —lembremos a campaña mediática do pai de Marta del Castillo—, “é facer un uso simbólico do CP, aproveitalo para captar votos”, e trae da man unha volta á lei do Talión.

A “discutíbel” custodia de seguridade

A outra novidade, a custodia de seguridade. É unha liberdade vixiada que se imporía, por exemplo, ás persoas condenadas por delitos vinculados ao terrorismo. Así, após pasaren polo cárcere, os seus dereitos seguirían restrinxidos durante un período que pode chegar aos 10 anos. Entra en vigor máis unha maneira de manter @s pres@s polític@s baixo o xugo do estado.

“É absolutamente discutíbel exercer control sobre unha persoa e limitar a súa liberdade sen que exista unha condena polo medio”. Falando en cifras, coa lei antiterrorista na man, @ condenad@ podería botar 40 anos cumprindo condena e, após esas catro décadas, ficar controlad@ polo estado unha década máis. En total: 50 anos. Recuperando a Concepción Arenal, o goberno español quere levar á práctica “ese desexo popular tantas veces manifestado de que os delincuentes apodrezan na cadea. Pola contra, do que se trata é de investir en prevención”. Por certo que a reforma castiga os delitos patrimoniais, mais só os ‘pequenos roubos’. Os delitos de colo branco seguirán impunes.

  •     Furtarlle á clase obreira a ferramenta de loita: o dereito á folga

Quen non chora non mama, di un refraneiro que a patronal semella coñecer ben. Perante o goberno español desexaron que a clase obreira tivese menos dereitos, e viron como saía adiante unha reforma laboral que, en resumidas contas, impón a política de traballar máis horas para recibir menos salario. Como complemento a este recorte —sumado á machetada ideolóxica nos dereitos sociais—, desexou tamén a CEOE —Confederación Española de Organizaciones Empresariales— que o dereito á folga ficase restrinxido. Axitar a bandeira do medo e criminalizar o sindicalismo combativo.

Máis aínda. “Este dereito está xa limitado cando se decretan servizos mínimos abusivos” que, no caso do servizo de Emerxencias 112 pode chegar até o 100%. Non cómpre esquecer tampouco nomes como Antolín Alcántara, Marcos Cardóniga, Carlos Alján, Carlos Búa ou Ramón Sarmiento, sindicalistas sentenciados a penas privativas de liberdade por defenderen o que é seu.

Boa parte destes traballadores son militantes da CIG. O secretario de organización da central nacionalista en Compostela, Renato Núñez, remarca que é xustamente a folga “a arma máis forte que posuímos para obrigar a patronal a escoitar as nosas reivindicacións”, e arremete contra unha reforma laboral que agocha a bondadosa intención de arrimarmos tod@s o ombreiro para frear “unha crise que nada ten que ver coa clase traballadora”.

En crise están tamén as ferramentas de defensa histórica da clase traballadora, que permitían “defender na rúa alternativas ao modelo actual de escravitude”, en palabras de Brais González, militante da CUT, quen defende a necesidade de “reinventar” o exercicio da folga como dereito político “fundamental”.

Coa convocatoria da seguinte folga xeral cocendo no forno —CIG, CC.OO. e UGT intentan achegar posturas para un chamamento unitario en setembro—, Núñez describe con retranca o panorama que se debuxa: “limítase o dereito á folga, penalízase a desobediencia civil e non poderemos reclamar pola vía xudicial porque a atención xurídica haberá tamén que pagala e previamente reducíronnos xa os salarios”. Di González que reformar o decreto lei de Reformas Laborais de 1977 para limitar o dereito á folga —que no Congreso tería o apoio de CiU e do PNV, para alén do propio PP—, “supón un paso máis aló do permisíbel” pol@s traballador@s.

Martiño Paradelo, da CNT, interpreta a posíbel restrición como unha penalización das formas de resposta “após de nos afogaren laboral e economicamente, reservando para si propios o monopolio da violencia”. “Non queda máis remedio que a desobediencia civil”, apunta Renato Núñez. “Fixéronse folgas cando estaban criminalizadas, para botarmos embaixo a ditadura ou para conquistarmos os dereitos laborais e sociais que agora nos rouban. Fixémolas daquela, e farémolas hoxe”.