‘Se o estado pensa que a dispersom nos vai dobrar está mui enganado. Nom imos deixar sós aos nossos presos’

sermos_galizaPublicamos a entrevista realizada a Aurora Dominguez e Juan Vigo, nai e pai dos presos independentistas Santi e Eduardo Vigo, aparecida no Sermos Galiza nº9, semanário em papel, e agora colgada na sua web:

Juan e Aurora viven en Angrois, unha aldea de Compostela a camiño entre as parroquias de Sar e Aríns, onde tod@s se coñecen e que aínda resiste a invasión de urbanizacións e adosados que inzaron boa parte da periferia da cidade. Juan traballa nunha empresa de instalacións eléctricas. Ten unha longa militancia no sindicalismo nacionalista, case desde a súa fundación. Aurora traballa arreo, na casa e na terra. Son os pais de Santi e Eduardo, dous dos sete presos independentistas. O máis novo, Sánti, leva encarcerado 3 anos e sete meses. Sairá en liberdade o vindeiro mes de decembro. “O 14”, apunta a nai. Eduardo entrou na cadea o 30 de novembro e está aínda pendente de xuizo, que pode tardar 4 anos en ter lugar. Mostra da situación de excepción á que están sometidos aos pres@s de carácter político.

Con dous fillos en prisión, como se enfronta a vida?

Aurora: Ben. Mais o importante son eles, que están dentro. E son fortes. Non se deixan dobrar, malia todo. Non se deixaron dobrar fóra e non o fan dentro. Entraron polo que sentían e por loitar polo que loitaron. A súa dignidade e o seu orgullo non hai quen llelo quite. Os meus fillos…. estou moi orgullosa deles. E eles sábeno.

Sánti está en Palencia e Eduardo en Córdoba. Considerades que a dispersión é unha política que procura quebrar os lazos de familiares e amigos c@s pres@s ?

Juan: Queren amolar ao preso e ás familias. Fanche a cambadela por todos os lados. Eu a Eduardo non o puiden visitar aínda. Teño que traballar e non podo ter os días necesarios para unha visita así, a empresa non está por esa historia. Irei nas vacacións. Temos ido visitar a Santi e pasando Benavante chamáronnos que déramos volta. Perdimos dous días. E outra vez, iamos á altura de Puebla de Sanabria e tamén tivemos que dar volta.

Aurora: Eduardo perde moitas visitas ao estar en Córdoba. O seu pai, desde que entrou alí non puido velo. Por qué non se cumpre a lei e @s sete pres@s independentistas non están en prisións da Galiza? Que pensa o Estado español? Que imos rendernos, dobregarnos? Pois están equivocados. Que non pense o Estado, nin por un momento, que imos deixar sós aos nosos presos. Así nos ten o estado español. Aplica a lei que lle da a gana.

E o trato con vós, cos familiares, nas prisións?

Juan: O trato… fanche de todo: Uns cacheos miserentos, esperas, control … descalzarte, tomarche as pegadas sempre e en varios sitios, entrada e saída. Amólante bastante. E cada día niso vaise a peor. Trátanche como se foses un preso.

Buscan facervos sentir culpábeis…

Aurora: Máis que iso, creo que o que procuran é humillarte. O trato é como se non foses un cidadán.

 A dispersión tamén acarrea un custo económico, que non todas as familias poden soportar…

Aurora: Aguantar iso é moi difícil, e con dous presos… pois aínda máis. No caso de Eduardo, por exemplo, teño que marchar un xoves: Ir ata Málaga en avión, de alí a Córdoba e coller un taxi ata cadea ida e volta e despois de volta a Málaga. Botar dúas noites fóra…É un custo moi grande. Pedimos que nos acheguen aos presos ao País, traelos a Galiza. O goberno con esas medidas que nos poñen, a eles e ás familias… Eduardo non pode ter moitas visitas porque o teñen en Córdoba, a máis de mil quilómetros de aquí. A xente vai velo con moitos sacrificios persoais e económicos. E tamén reivindicamos que os presos que son familiares, como Santi e Eduardo, teñen que estar xuntos na mesma cadea.

Cal é a situación de Eduardo na prisión?

Eduardo está en isolamento desde que entrou no cárcere de Córdoba, o 26 de febreiro. Xa leva cinco meses así. Só ten dereito a catro horas de patio, as outras 20 ten que pasalas na celda. Perdeu de poder estudar este curso que comezou polas trabas postas en prisión. Pediu os libros para estudar, non llos deron, dábanlle largas… Alén diso, ten restrinxido o acceso as súas propias pertenzas. Cando entrou aí, o primeiro que se atopou xa foron as ameazas dos carcereiros. O avogado presentou unha denuncia e pararon. Mais a cadea do Córdoba é das máis duras do estado español. Hoxe, a vida de Eduardo na prisión é moi dura. Ten trabas por todos os lados. Castígano por defender a súa dignidade.

E Sánti?

Sánti está mellor, está en segundo grado. Ademáis, vai sair en poucos meses, é outra cousa. Esta vida que leva agora Eduardo xa a levou Santi cando entrou en prisión. Cando estaba en Aranxuez, en 2008, déronlle unha malleira. Tiña unha comunicación ao día seguinte e xa non me deixeron velo.

Entendedes a loita e ideais dos vosos fillos?

Aurora: Entendemos. Se houbese moitos así, outro galo cantaría. Eles están presos polo que están. Están por unha ideas, non polos cartos. E iso é así. Ten que haber xente que se repoña a esta situación que hai. E se non queremos estar así, hai que loitar, ou non é así?

Juan: A xente ten tamén que saber para qué está neste mundo, e non só para ter un coche ou unha boa casa. Ás veces, nin a propia familia entende isto. Tamén é certo que tes que ter un pouco de conciencia política para comprender o que está a pasar….O certo é que eu tamén fun pouco a pouco tomando conciencia… a xente non nace, a xente faise.