Disparando boladas de borracha dentro dum bar em Vigo

Reprduzimos nova do Galicia confidencial:

Cando está recente a morte dun seareiro en Bilbao por un disparo da Ertzainzta, un vídeo proba como en Balaídos un axente violou as normas máis básicas do uso desta polémica arma policial. Vídeo no interior.

O Goberno Vasco acaba de prohibir o uso de pelotas de goma por parte dos seus ‘antidisturbios’. O Executivo de Euskadi, no que colaboran PSOE e PP, responde así á morte do seareiro do Athletic Íñigo Cabacas.


A Ertzaintza matouno ao dispararlle cun destes proxectís dende unha distancia de 22 metros, segundo a Administración. A nivel estatal a Policía Nacional e a Garda Civil teñen prohibido usar as pelotas a menos de 50 metros. Teñen que, ademais, tirar de rebote e nunca directamente. A Comisión Europea pedira xa retirada destas polémicas armas policiais.

Os ‘antidisturbios’ saltáronse as normas do uso das pelotas de goma o domingo nos incidentes do Celta-Deportivo. Así o proba o vídeo publicado polo internauta ‘fratyfrotsy’. No segundo sete vese e escoitase claramente como un axente dispara unha pelota de goma dentro dun establecemento hosteleiro. Tampouco apunta ao chan en busca dun rebote:

As pelotas de goma pesan 90 gramos, son de caucho macizo e saen das escopetas a 720 quilómetros por hora.

Antes do derbi galego houbo importantes incidentes, que se saldaron con dous detidos por lanzar obxectos. A Policía cargou contra os seareiros máis radicais do Celta, que recibiron o autobús do Deportivo lanzándolle botellas de cristal.