Carta do pai do preso independentista Antom Santos comentando a situaçom do seu filho

[publicado em http://www.ciberirmandade.org]

Queridos amigos e amigas:
antom_santosEstaba preparando, para enviarvos, algo que vos informase polo miudo da situación do meu fillo Antón. Non descarto facelo, pero, como non quero adialo máis, vaivos este resumo. Moitas e moitos de vós tedes que me desculpar por non vos coller o teléfono, ou mesmo por falar case en clave telegráfica. En ocasións non dou feito. Estou sobardado por chamadas ou por outras circunstancias.
O caso é que, neste momento, nin os pais nin os avogados puidemos ver a Antón. A última tortura á que nos someteu o sistema carcerario é deste domingo (houbo outras anteriores).
Como sabedes, despois da incomunicación policial veu a incomunicación xudicial. Antón chamou o día 8, xoves, para dicirnos que o levaran ao centro penitenciario de Aranjuez. O meu teléfono móbil di que a duración da chamada foron 45 segundos.
Parece que a única alternativa que tiñamos de velo era presentármonos domingo, ás cinco da tarde, na cadea. Así o fixemos. Dixéronnos, ao principio, que imposible. Con moito esforzo e coa colaboración dun funcionario que parecía ter os sentimentos que se lle supoñen á especie humana, ao final consentiron. Que pasabamos ás sete e media da tarde, díxonos.
Así foi. A esa hora coñecemos, por dentro, parte da prisión,  e vimos as láminas (de pintores impresionistas, de Klint, ou un anaco de Les demoiselles de Avignon de Picasso) penduradas nas paredes de diversas salas de espera. Creo que as láminas son conscientes do ar tétrico que se respira naquel ambiente. Por iso paliceden.
Fomos, como nos indicaron,  ata o locutorio número 5. O noso fillo non apareceu. Cando preguntamos, dixéronnos que estaba castigado por non colaborar (con quen, pregúntome eu?).
Presentamos unha (inútil?) denuncia no Xulgado de Garda de Compostela este luns, seguindo os consellos do avogado.
Unha aperta, e moitas, moitas grazas a todos e a todas vós (que non son, ben o sabedes, grazas protocolarias)
Xosé Luís.
P.S. Por outra parte, aos avogados a Audiencia Nacional non lles amañou os papeis ata onte mesmo. E aínda non me dixeron a esta hora se teñen na man da súa procuradora a acreditación. Por iso tampouco puideron ver a Antón.
O pai e a nai de Maria Osorio, tiveron maís sorte. Despois de dicirlles que non, en Soto del Real, dixéronlles que si, e viron a Maria este sábado.

14 de Dezembro de 2011