Adiante convoca concentraçom contra a tortura nos Centros de Menores ante a presença da ‘Fundación O’Belén’ em Compostela

Reproduzimos o comunicado enviado ao nosso correio pola organizaçom juvenil independentista Adiante ante a presença de técnicos e responsáveis da ‘Fundación O’Belén’ no ‘IX Congresso da Associaçom Espanhola de Psiquiatria do Neno e o Adolescente’ a celebrar na Faculdade de Medicina de Compostela. A ‘Fundación O’Belén’ é umha gestora privada de centros de detençom e reclusom de menores que foi denunciada em múltiplas ocasions por abusos e violaçons dos direitos. ‘O’Belén’ fijo da reclusom de menin@s um sector de negócio com o apoio indispensável de ‘Instituciones Penitenciarias’. Violência, medicalizaçom forçosa e regimes de isolamento e dispersom, como os aplicados ao militante independentista galego Jurjo R. Olveira e os seus familiares e amig@s, fam parte da nómina de tratamentos que este tipo de instituiçons reservam para @s menores de idade. Da organizaçom juvenil independentista fai-se um diagnóstico desta mestura entre repressom e conversom da prisionizaçom num nicho de negócio e chama-se a assinalar publicamente os responsáveis directos destas práticas como é, neste caso, a ‘Fundación O’Belén’. Reproduzimos a seguir a convocatória e o Manifesto que a acompanha. A organización da mocidade ADIANTE convoca para o vindeiro venres 21 de maio, ás 16.30 horas da tarde, unha concentración de repulsa ás torturas nos Centros de Menores que terá lugar na Facultade de Medicina da Universidade compostelana. Baixo a lenda TORTURANDO NON SE EDUCA!, a organización da mocidade quere responder á presenza no IX Congreso da Asociación Española de Psiquiatría do Neno e o Adolescente a celebrar na USC de técnicas/os e responsábeis da Fundación O Belen, xestora privada de centros de internamento de menores repetidamente denunciada dende diversas entidades pola súa responsabilidade en abusos e violancións dos dereitos dos menores. ADIANTE convoca á mocidade galega a participar neste acto de repulsa de quen fai da exclusión social un lucro. Tod@s na Facultade de Medicina este venres!!! MANIFESTO TORTURANDO NON SE EDUCA!!! Co gallo do IX Congreso da Asociación Española de Psiquiatría do Neno e o Adolescente, este venres 21 de maio dará unha conferencia en Compostela Javier San Sebastián Cabasés, psiquiatra e presidente da Fundación O’Belén, empresa fundada por persoas vencelladas á dereita españolista e á Igrexa Católica. A Fundación O’Belén foi denunciada publicamente en múltiples ocasións por persoas, colectivos sociais de protección da infancia, colectivos internacionais de defensa dos dereitos humanos e mesmo polo “defensor del pueblo” do Estado por levar a cabo prácticas que atentan contra os dereitos humanos fundamentais dos menores ingresados nos seus centros. A grande variedade de entidades que sacan á luz os abusos producidos nos seus centros, moitas delas nada sospeitosas de contestatarias, pódenos dar unha idea da gravidade dos abusos que se producen no interior dos muros privados de exclusión social que supoñen este tipo de centros de internamento. Tamén os menores internos e os seus familiares, así como @s traballador@s desta fundación, viñeron a ilustrar os tipos de abusos dos que estamos a falar: castigos físicos, vexamentos, illamento, subministro abusivo e arbitrario de medicación sen sequera diagnóstico previo, ausencia de servizos sanitarios axeitados etc. Dentro destes centros, xa que logo, non só se abusa física e mentalmente dos menores, senón que ademais négaselles o dereito á saúde. Estas condicións extremas tiveron nos últimos tempos as súas consecuencias máis crueis ao provocaren o suicidio de cando menos tres menores que estaban baixo a garda desta institución. Suicidios provocados sen dúbida pola práctica psiquiatrizante e carcelaria dos centros desta fundación e dos que son plenamente reponsábeis os seus xestores, supostos garantes da integridade física destes menores, así como a administración pública, por permitiren a perversión dos servizos sociais ao deixalos en mans de entidades privadas cuxo único obxectivo é o lucro. Velaquí un exemplo máis de cales son as consecuencias da degradación dos servizos públicos, as consecuencias de priorizar o enriquecemento duns poucos por riba do benestar do pobo, nomeadamente dos sectores de poboación máis desprotexidos. E velaquí por que, ante a práctica da violencia sistemática por parte das empresas privadas que xestionan os centros de menores, desde ADIANTE queremos erguer a voz para denunciar a privatización, tamén sistemática e sistémica, dos nosos servizos públicos e o carácter carcerario do internamento: meniños arredados do seo familiar, excluídos da sociedade, coma se fosen lixo varrido para debaixo da alfombra. Achámonos, pois, ante un proba máis das vulneracións por parte do Estado Español da súa propia legalidade, así como do dereito internacional de protección e dereitos da infancia. O estado e as administracións autonómicas (entre as que se atopa a galega) amparan estas entidades, outórganlles suculentas subvencións e colaboran coa calada dos abusos aos internos. Por todo isto, desde ADIANTE esiximos: – O cesamento da mercantilización dos servizos sociais. – O peche de todos os centros de menores xestionados por empresas privadas. – O cesamento da solución punitiva e penal aos conflitos sociais, asentados na propia lóxica da sociedade do mercado, que ordena prácticas de competencia, individualismo, illamento e exclusión. – O establecemento de observatorios independentes para o seguimento das denuncias de abusos nos centros de menores, participados polas sociedade civil. – O respecto escrupuloso aos dereitos fundamentais dos menores tutelados pola administración, e daqueles menores privados de liberdade en cumprimento de medidas xudiciais: non máis dispersión, non máis illamento, non máis medicación forzosa, non máis agresións! Coas miras postas na construción dunha sociedade igualitaria na que fiquen derrubadas de vez todas as reixas da exclusión social, hoxe ADIANTE xunta a súa voz a outros colectivos de denuncia do sistema carcerario español para reclamar as responsabilidades dos que baixo o amparo das administración ordenan, practican, alimentan e se lucran coa tortura e o abuso. Non á tortura nos centros de menores! Torturando non se educa! Illando non se educa! Encadeando non se educa!