Reporteira de [GZvídeos] absolvida da acusaçom de gritar “ETA mátalos!” e “Polícia assassina!”

Quase com a surpressa do excepcional, noticiamos que a activista de informaçom audiovisual Zélia G. foi absolvida das acusaçons colocadas pola Polícia espanhola 2008. Recordamos que a reporteira de [GZvídeos], que participara como jornalista na ‘I Cadeia Humana pola Liberdade d@s Pres@s Independentistas Galeg@s’, foi acusada por efectivos policiais de gritar palavras-de-ordem como “ETA mátalos!” enquadráveis no delito de “apologia do terrorismo”. A resoluçom judicial deixa em evidência, embora apenas seja por umha vez, os métodos de perseguiçom que empregam as FSE para punir o trabalho informativo. Remitimos os nossos leitores e leitoras à informaçom facilitada em 17 de Setembro neste portal para conhecer todos os extremos do caso. A sentença ditada por Míguez Poza, juíz com umha marcada tendência anti-nacionalista, absolve Zélia G. ao nom se personar na sala o mando policial que ordenou a sua identificaçom e dá por inválida a acusaçom. Publicamos a continuaçom o comunicado enviado polo colectivo à que pertence a processada, respeitando a sua normativa original: ABSOLTA A REPORTEIRA DE GZVÍDEOS ACUSADA EN FALSO POLA POLICÍA Desde GzVideos queremos expresar a nosa satisfacción pola absolución dunha das nosas reporteiras, acusada en falso pola policía española por supostamente ter berrado consignas tais como “policía asasina” (sic) ou “eta mátalos” (sic) durante unha concentración en Compostela. Tales acusacións non só constituian un auténtico engano e unha rotunda falsidade, se non que pretendían servir de coartada para a represión da liberdade de expresión e información ao noso colectivo (contrainformativo. A sentenza absolutoria considera probada a asistencia da nosa compañeira ao acto na súa condición de xornalista, algo que foi demostrado durante o xuízo con numerosas probas, como os propios materiais gráficos ou a acreditación profesional. Así mesmo, recolle que a absolución se produce debido á “non comparecencia do superior do axente que levou a cabo a identificación”, un circunloquio co que o xuíz Míguez Poza tentou agochar o atropelo e numerosas irregularidades cometidas polos axentes no seu intento por reprimir à reporteira, non dubidando en denunciala en falso co obxectivo de impedir o seu labor profesional. Temos que recordar que, durante a comparecencia no xuízo do axente que naquela altura a identificara, o polícia incorreu en numerosas contradicións e negou que a nosa compañeira se tivera identificado como xornalista. De feito, comezou por afirmar que simplesmente acudira a identificar a persoa que berrara as supostas consignas, para logo rectificar, dicindo que en realidade a iniciativa partira dun superior, mais que ainda así podía sinalar à nosa compañeira como a causante, sen dúbidas. É de sinalar que, ademais, se negou a “entender el gallego”. O ministerio fiscal pediu 600 euros de multa, mentres que a defensa solicitou a libre absolución, dada a falta de probas e inconsistencia da acusación, algo que finalmente sucedeu. De todas formas, desde o noso medio achamos como insuficiente e timorata a causa da absolución, pois en nengún momento recoñece a falsidade do testemuño do axente, se non que se limita a soster que a falta de probas é debida à ausencia do superior. A xustiza española confia de forma sistemática e reiterada na palabra dos axentes, deixando en inferioridade de condicións a palabra dos acusados e deixándoos indefensos perante abusos e manobras represivas, que é o que estivo a ponto de ocorrer no noso caso. Desde GzVideos queremos, así mesmo, agradecer o apoio e mostras de solidariedade amosadas por numerosos colectivos sociais, en especial ao organismo antirrepresivo CEIVAR polo seu compromiso na defensa das liberdades e a súa axuda e asesoramento neste proceso, asi como ao jos_content da Galiza, tamén polo seu apoio e colaboración en todo momento. Obrigadas a todas. Para finalizar, recordamos a apertura doutra sanción administrativa contra outro dos nosos reporteiros, tamén por unha denuncia falsa da policía española que pretende punilo por presuntamente berrar consignas durante unha manifestación de Ensino Medio en Vigo na defensa do galego na que estaba a exercer o seu labor como cámara para gzvideos. De GzVideos seguiremos a desenvoler o noso traballo a pesar das presións policiais e dos intentos por reprimir a nosa liberdade para informar e dar voz e imaxe a aquela parte da realidade que se pretende invisibizar. Apaga a tele, prende a túa mente! Compostela, 28 de outubro de 2009