V Congresso Confederal da CIG exige ao Governo espanhol a transferência para a Terra dos presos independentistas galegos

O V Congresso Confederal da CIG aprovou por aclamaçom umha resoluçom especial em que denuncia a dispersom dos presos independentistas galegos e exige ao Governo espanhol a sua transferência para a Terra. Neste sentido, a CIG acordou dirigir-se à ‘Dirección General de Instituciones Penitenciarias’ para lhe solicitar a transferência dos presos independentistas a prisons radicadas na CAG. A mesma resoluçom censura também a utilizaçom política e perversa da prisom preventiva contra os patriotas encarcerados. Anteriores citas congressuais do sindicato nacionalista exigiram no passado a repatriaçom conforme à lei espanhola vigente de presos e presas independentistas, naquela altura vinculad@s à organizaçom armada EGPGC. A aprovaçom da resoluçom supom da nossa óptica, além dos efeitos práticos que poda surtir na política de dispersom penitenciária de Pérez Rubalcaba a respeito dos presos independentistas galegos, um importante apoio social à luita contra a dispersom. A seguir reproduzimos a resoluçom aprovada no V Congresso Confederal da CIG respeitando a sua grafia original: O V Congreso Confederal da CIG, asumindo os principios irrenunciábeis da defensa das liberdades democráticas dos individuos, así como o respecto á dignidade humana e a denuncia contra todo tipo de represión por opinión política, quere manifestar o seguinte: A) A situación de dispersión dos presos independentistas galegos por distintos cárceres do Estado español atenta contra o dereito (mesmo recoñecido na lexislación española) que teñen os presos e presas a estar en centros penitenciarios próximos ao seu contorno social e familiar. B) A dispersión non só castiga os presos independentistas, senón tamén os seus achegados (familiares, amigos, compañeiros), que semanalmente teñen que percorrer centos de quilómetros polas estradas españolas para poder visitalos, circunstancia que, alén de constituír un serio prexuízo económico, supón un forte desgaste físico e anímico, ademais de aumentar as posibilidades de padecer un accidente de tráfico. Por estas razóns, o V Congreso Confederal da CIG acorda: 1º Denunciar a utilización política e perversa da prisión preventiva contra os presos independentistas galegos, que poden permanecer até catro anos na cadea á espera de xuízo. 2º Dirixirse á Secretaría General de Instituciones Penitenciarias do Goberno español solicitando o traslado dos presos independentistas galegos a cárceres radicados en Galiza, dereito recollido tanto na Declaración dos Dereitos Humanos da ONU coma na propia lexislación española.