Sindicalismo nacional rechaça possibilidade de que em 7-J se vulnere o direito ao sufrágio universal da dissidência política

As duas centrais nacionalistas do País exprimírom nos últimos dias umha oposiçom transparente e frontal à possibilidade de que o Governo espanhol, através do ‘Tribunal Constitucional’, ilegalize a candidatura Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Povos. Assim, tanto CIG como CUT, que apresenta dous candidatos na lista ilegalizada polo ‘Tribunal Supremo’, denunciam a subordinaçom servil da Justiça espanhola ao Poder Executivo e criticam a política de repressom do PP-PSOE. Reproduzimos a continuaçom os comunicados emitidos por ambas centrais A CIG REXEITA A EXCLUSIÓN DA CANDIDATURA DE INICIATIVA INTERNACIONALISTA ÁS ELECCIÓNS EUROPEAS A CIG manifesta o seu rexeitamento a que se impida presentarse ás Eleccións ao Parlamento Europeo á candidatura Iniciariva Internacionalista – A Solidariedade entre os pobos. Máis unha vez o Estado español e o goberno do PSOE, apoiándose na súa Lei de (ilegalización) de partidos políticos, utiliza os tribunais para excluír do sistema electoral unha candidatura, con argumentos dubidosos e intencións que reflicten métodos autoritarios e represivos diante da cuestión das nacións dependentes existentes no Estado español. Con esta decisión exclúese a milleiros de cidadáns e cidadás, impedíndolles o exercicio do dereito universal ao sufraxio libre, directo e secreto, e conculcando o dereito a decidir dos distintos pobos e nacionalidades que conforman o Estado español. Asemade, esta decisión do Goberno semella que tenta desviar a atención da dramática situación na que se atopan millóns de homes e mulleres que perderon o seu posto de traballo ou están en condicións laborais precarias. Persoas que poderían somarse ás alternativas que denuncian un modelo social inxusto, aseado na acumulación de riqueza a partir da especulación, que se mantén mediante a demagoxia e o fraude que cometen apresentándose como defensores e paladíns dunha sociedade presuntamente libre e plural. Con esta ilegalización queda en evidencia o interese dos partidos españois, PP e PSOE, de silenciar aos discrepantes tamén mediante políticas claramente represivas. En consecuencia, a CIG amosa a súa oposición á exclusión electoral de Iniciativa Internacionalista, e quer expresar a súa solidariedade cos compañeiros e compañeiras que conforman esta Candidatura. – – – – – – – – – – – – – – – – – – – A CUT ANTE A ILEGALIZACIÓN DE INICIATIVA INTERNACIONALISTA A avogacía do Estado Español ven de presentar ante o Tribunal Supremo un auto no que pide a ilegalización da coalición electoral Iniciativa Internacionalista , nun novo intento de criminaliza-las ideas, especificamente as máis combativas co actual sistema imperialista e capitalista español. Nesta candidatura electoral, concorren ás eleccións europeas varios militantes da Central Unitaria de Traballadores/as, entre os que se atopan dous membros do Secretariado Nacional da CUT: Xan Carballo, Secretario de Relacións Internacionais; e Ricardo Castro, Secretario de Organización do Sindicato. Para a avogacía do Estado, Iniciativa Internacionalista pode ser obxecto de ilegalización por “compartir fins con BATASUNA/ETA” (sic.) en aspectos tan lexítimos e propios da nosa loita sindical como a autodeterminación dos pobos ou a loita contra o capital. Así, ó camarada Xan Carballo, a avogacía do estado faino partícipe de compartir con Doris Benegas, nº2 da coalición electoral, un acto no que se pedía algo tan “ilicito” como votar NON á Constitución Europea , o que a CUT pediu abertamente durante esa campaña electoral. Mesmamente, rozando xa o absurdo e, sen deterse a mencionar os casos concretos, nin o porqué deses seguimentos ilegais e da existencia fichas policiais de carácter político , asegurase mediante informes da policía e da garda civil española, que algún dos membros da candidatura electoral, foi visto, en manifestacións coa esquerda abertzale ou foi asinante de diversos manifestos contra a ilegalización de Batasuna. Para a CUT todo isto non é máis que unha volta de torca do Imperialismo Español, a traveso dos seus principais referentes ideolóxicos PSOE e PP, que unha vez máis demostran que significa para eles a liberdade e a democracia da que tanto fan alarde, a persecución e ilegalización de todo aquilo que implique cuestionar o sistema actual. Dende a CUT queremos amosar o noso apoio e toda a nosa solidariedade proletaria cos/as compañeiros/as que sofren a represión político/policial do Estado Español e que figuran como membros da candidatura electoral Iniciativa Internacionalista, especialmente a todos/as os/as militantes da CUT. Viva Galicia Ceibe e Proletaria! Adiante a Loita Obreira!