Ventura Pérez Mariño condena a prisom trinta vizinhos de Nigrám polos incidentes ocorridos no Pleno Municipal de 2006

O titular do Julgado nº 8 de Vigo, magistrado-juíz, Ventura Pérez Mariño, mais conhecido por sido alcalde ‘socialista’ (2003) da cidade olívica e juíz especial nos tribunais de excepçom espanhóis, vem de condenar a umha pena de quatro meses de prisom 30 vizinh@s da vila de Nigrám polos incidentes acontecidos no Pleno Municipal deste concelho em 2 de Junho de 2006. Pérez Mariño considera “co-autores culpáveis” de “desordens públicas” @s 30 manifestantes que dentro dum grupo de 700 impedírom a celebraçom do citado pleno. A sançom penal imposta polo magistrado viguês, que ganha a pulso o título de “repressor do povo”, nom implicará o ingresso em prisom d@s 30 manifestantes que com a sua atitude denunciavam na altura a política municipal de especulaçom urbanística e corrupçom em Nigrám. Reproduzimos do comunicado da associaçom ‘Salvemos Monte Ferro’ um parágrafe da sentença que delata com toda claridade o carácter meramente exemplarizante do presente processo judicial e a falta absoluta de garantias a que se enfrontárom os vizinhos e vizinhas de Nigrám ante o ex juíz da ‘Audiencia Nacional’: “En todos los hechos descritos en este escrito si bien no se puede determinar la autoría concreta de cada uno de los acusados ya que eran varios centenares de personas las congregadas en la zona, en todo caso en este grupo se encontraban los acusados”. COMUNICADO DE SALVEMOS MONTE FERRO Reproduzimos a continuaçom o comunicado da associaçom de vizinh@s ‘Salvemos Monte Ferro’ em que descrevem com todo detalhe as características do processo repressivo a que foi submetida a luita contra a especulaçom urbanística na margem sul da Ria de Vigo. Do texto, que aparece publicado na íntegra na normativa empregada pola citada associaçom, extrazemos a sua conclusom: “nós seguimos sentíndonos orgullosos daquela revolta que impediu a aprobación dun plan contrario aos intereses da cidadanía e con el a consumación dunha inxustiza. Uns danos de calibre moi superior a uns poucos cristais rotos. Velaqui o comunicado: “30 VECIÑ@S DE NIGRÁN CONDENADOS A CATRO MESES DE CÁRCERE POLOS INCIDENTES DO PLENO DO 2 DE XUÑO DE 2006 30 persoas, todas elas veciñas de Nigrán, foron condenadas onte a catro meses de cárcere e ao pago de 350 euros de responsabilidade civil segundo sentencia do xulgado nº 8 de Vigo, do que é maxistrado-xuíz D. Ventura Pérez Mariño. Consideráselles “coautores culpables” dun delito de desordes públicos cometido o día 2 de xuño de 2006, cando unhas 700 persoas impediron a celebración dun Pleno municipal que pretendía aprobar inicialmente o PXOM de Nigrán, un plan que foi posteriormente retirado. A sentencia é firme, pois é consecuencia dun acordo asinado polos 30 imputados que aceptaron a condena renunciando a recurrila. As razóns que levaron a estas 30 persoas a chegar a este acordo estriban fundamentalmente na ameaza que pesaba sobre algúns dos imputados de ser condenados por delito de atentado, con penas superiores aos dous anos, polo que poderían ter que ingresar en prisión. A actitude unánime e solidaria de todas as persoas imputadas levounas a aceptar a pena agora imposta, pois unha das condicións do acordo era que a totalidade dos encausados aceptaran a sentencia. As probas fundamentais que se aportaron consistían en fotografías onde podía verse a estas persoas no lugar dos feitos, pero algunhas delas non aparecían en ningunha das fotos realizando ningún acto punible: simplemente estaban alí. Nese sentido chama a atención o apartado 7 do que a sentencia considera feitos probados: “En todos los hechos descritos en este escrito si bien no se puede determinar la autoría concreta de cada uno de los acusados ya que eran varios centenares de personas las congregadas en la zona, en todo caso en este grupo se encontraban los acusados”. (Sic) Para entender o alcance deste parágrafo cómpre lembrar que o proceso se iniciou por unha denuncia do anterior goberno municipal, presidido por Alfredo Rodríguez Millares, que foi quen acusou a estas persoas de entre os centos que aparecen nas fotografías. Entre os agora condenad@s cóntanse varios presidentes/as de asociacións veciñais, un concelleiro do goberno municipal actual e a nai do que hoxe é alcalde da vila, entón na oposición. (Tamén están entre eles seis compañeiros e compañeiras de Salvemos Monteferro) Cómpre tamén lembrar que no mesmo xulgado segue aberta unha causa na que está imputado o ex alcalde Rodríguez Millares (e outros compañeiros seus naquel goberno de triste memoria para Nigrán) polas irregularidades e posibles delitos cometidos na tramitación do retirado PXOM, que foron os verdadeiros provocadores responsables dos feitos daquel día. Seguiremos agardando. A pesar de tódolos pesares, nós seguimos sentíndonos orgullosos daquela revolta que impediu a aprobación dun plan contrario aos intereses da cidadanía e con el a consumación dunha inxustiza. Uns danos de calibre moi superior a uns poucos cristais rotos. Salvemos Monteferro”