Manolo Camaño (CUT) denuncia o recurte das liberdades democráticas e assegura que hoje “estamos às portas do fascismo”

A percepçom de que na Galiza se desenvolve umha involuçom sostida em matéria de direitos e liberdades democráticas contra a dissidência política é assumida a cada por mais pessoas. Nesta semana foi o secretário geral da central sindical nacionalista CUT, Manolo Camaño, quem denunciava que vivemos numha “sociedade presa, incapaz de pensar para além do que o mesmo sistema lhe permite”. Camaño denuncia a perseguiçom e criminalizaçom de “todos e todas os que se atrevam a dissentir da ordem estabelecida”. Tiramos as palavras deste dirigente sindical do artigo ‘Liberdades democráticas e feixismo’ publicado no web nacional da central galega. Segundo Camaño, que inicia a sua reflexom a partir dumha enquisa realizada por ‘La Voz de Galicia’ na que se pergunta a leitores e leitoras se “devem autorizar-se as manifestaçons que incidam na vida quotidiana dos cidadáns?”, “o substrato ideológico do fascismo está sementado” polo que “temos o repto de combater um sistema antidemocrático que está a conculcar os direitos mais elementares”. Publicamos na íntegra o artigo de opiniom referenciado respeitando a sua normativa. LIBERDADES DEMOCRÁTICAS E FEIXISMO Manolo Camaño, secretário geral da CUT O xornal “La Voz de Galicia” publica nestes días unha enquisa feita aos seus lectores, que responden á pregunta: Deben autorizarse as manifestacións que incidan na vida cotiá dos cidadáns?. O resultado é que o 60% dos participantes opinan que non, e o 40% dos mesmos, responden que si. Querémonos imaxinar que tanto a pregunta do xornal, como as respostas dos internautas, entenden como “manifestación” o desfile reivindicativo e na rúa dun colectivo obreiro ou popular, da mesma maneira imaxinámonos tamén que, cando respostan nun ou noutro sentido, non inclúen como manifestacións: os desfiles militares, as concentracións futbolísticas, as procesións relixiosas…, e outras expresións máis ou menos politicamente correctas co réxime. Partindo do dito, e estando seguros de que os resultados que arroxa dita enquisa son verdadeiros, atopámonos diante dun estado de opinión realmente preocupante, ante o que, calquera persoa minimamente informada e con sentimento democrático e avanzado, tería que pararse a reflexionar. Efectivamente, a ditadura invisible do pensamento único, os panexíricos dos altofalantes do sistema, están a obter os seus resultados: unha sociedade presa, incapaz de pensar máis aló do que o mesmo sistema lle permite. O discurso maniqueo e totalitario de todos aqueles que viron colmadas as súas aspiracións falsamente democráticas, coa instauración da monarquía parlamentaria como o mellor dos sistemas posibles, ven perseguindo, criminalizando e levando á marxinalidade a todos e todas os que se atrevan a disentir da orde establecida. Estamos ás portas do feixismo, as estruturas de pensamento da “opinión pública-publicada” están instaladas, e todos aqueles que disentimos do réxime monárquico-franquista, estamos no punto de mira. A sociedade civil galega; movementos sociais, a xuventude, o mundo da cultura e o movemento sindical de clase, temos o reto de combater un sistema antidemocrático que está a conculcar os dereitos máis elementais. O substrato ideolóxico do feixismo está sementado. A utilidade deste en momentos de crise económica, está demostrada pola historia. Os pistoleiros que pasearon no 36 á vangarda da clase traballadora e ós demócratas de entón, na inmensa maioría eran lumpens de extracción popular.