CIG denuncia publicamente criminalizaçom das ideias soberanistas e a perseguiçom de colectivos e pessoas pola ‘Guarda Civil’

Num comunicado feito público onte, trás anunciar-se que o instituto armado espanhol forma os seus agentes no controlo e vigiláncia sistemáticas da dissidência nacional, a central nacionalista CIG exprime a sua “indignaçom e estupor” por estes factos que se venhem de constatar documentariamente e assegura que “questiona a existência real dos direitos formais e as liberdades públicas”. Aliás, o sindicato galego risca de “paradoxal” que a ‘Guardia Civil’, à que qualifica de “corpo anacrónico”, se situe “na vanguarda dos mais modernos métodos de controlo do pensamento, das ideias, das organizaçons e das próprias pessoas”. Reproduzimos na íntegra o comunicado publicado no seu web pola Confederaçom Intersindical Galega (CIG) respeitando a sua normativa original: “A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta a súa indignación e estupor pola persecución das ideas e a criminalización de colectivos e persoas polo simple feito de seren nacionalistas, tal e como acreditan os documentos internos da Garda Civil aos que tivo acceso o Movemento polos Dereitos Civís. A CIG denuncia a existencia dun protocolo de actuación do instituto armado para identificar calquera persoa ou colectivo que presente o máis mínimo trazo de ideoloxía nacionalista, manifestada en síntomas tales como levar no seu vehículo un autocolante coas siglas GZ ou ser membro dunha asociación cultural. Tal protocolo pon de manifesto a precaria situación do pomposamente chamado “Estado de Dereito” e cuestiona a existencia real dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, ao deixar sen contido principios tan básicos do noso ordenamento xurídico como o pluralismo político, as liberdades de consciencia e expresión e o dereito á presunción de inocencia. Para a CIG, é indignante que a Garda Civil estea a aplicar procedementos policiais ilegais e clandestinos, de xeito que as persoas que os padecen non teñen dereito a saber que os verdadeiros motivos polos que son sometidos a control son as súas ideas políticas. Estes feitos están na liña da regresión e perda de dereitos e liberdades que, sob pretexto de garantir unha hipotética seguridade cidadá, se están a producir en todo o mundo. Resulta mesmo paradoxal que un corpo tan anacrónico como a Garda Civil se sitúe na vangarda dos máis modernos métodos de control do pensamento, das ideas, das organizacións e das propias persoas. A CIG esixe ao Ministerio do Interior que investigue estes gravísimos feitos e tome medidas disciplinarias contra os funcionarios e autoridades da Garda Civil responsábeis da elaboración e posta en práctica do protocolo denunciado. Do contrario, estará a mostrar cumplicidade cunha situación que atenta contra dereitos comúns a todo ser humano, que só con moito esforzo foron incorporados á Carta das Nacións Unidas”.