CUT soma-se à denuncia das tentativas de criminalizar e punir o independentismo galego

A nacionalista Central Unitaria de Traballadores (CUT) vem de somar a sua voz à fervença de pronunciamentos que nestes dias rechaçam as práticas de controlo e vigiláncia policial sobre o tecido social e político independentista. Segundo a central sindical galega, “nom lhe surpreende nengum dos factos narrados polo MpDC, já que o facto de que sejamos objectivo prioritário nos seguimentos dos corpos e forças de segurança do Estado espanhol é algo que todo o mundo conhecia já”. Assegura o sindicato nacionalista que o “único delito cometido” para estarem no ponto de mira da organizaçom militar espanhola, que situa a CUT como parte dum organigrama imaginário, é que “nom atendemos o que estabelezam os grupos de poder, nem estamos sujeitos a subornos nem chantagens destes grupos, estabelecendo como prioritário o que decidam os nossos filiados por meio das Assembleias”. Aliás, a CUT pregunta-se quando “o Estado Espanhol deixará de empregar os métodos de repressom do Franquismo”. A central nacionalista assegura finalmente que “isto nom é mais do que umha outra nova peça no quebra-cabeças da repressom contra a esquerda independentista. A Lei Corcuera, a Lei de Partidos, ou a deriva da doutrina Garzón que situa a ‘Audiencia Nacional’ ao mesmo nível que um autêntico Tribunal de Excepçom”. A central nacionalista participará durante os dias 28, 29 e 30 de Março na I Assembleia Aberta contra a Repressom, organizada em Xixón pola CSI asturiana e à que assistem a central basca LAB, a ‘Intersindical Canaria’, a ‘Intersindical de Aragón’ e a ‘Plataforma Sindical de Madrid’. Publicamos na íntegra, respeitando a sua normativa original, o comunicado feito público onte pola CUT em relaçom à apariçom de documentaçom que evidencia como a vigiláncia e a repressom política fam parte da formaçom ‘profissional’ e os labores que desenvolvem os agentes da organizaçom militar espanhola destacada na Galiza: “A Central Unitaria de Traballadores (CUT) quere saír ao paso da noticia publicada onte en diversos medios de comunicación de Galicia, e que teñen coma fonte de información un dossier da Garda Civil Española feito público polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC). Á CUT, única organización sindical presente no informe, non lle sorprende ningún dos feitos narrados polo MpDC, xa que o feito de que sexamos obxectivo prioritario nos seguimentos dos corpos e forzas de seguridade do Estado Español, é algo que todo o mundo coñecía xa. Que existían bases de datos ilegais en mans das policía española, que moitos eramos sometidos a seguimento (incluso das nosas conversas privadas e correos electrónicos) polo simple feito da nosa filiación Político-Sindical, era algo certo. Agora ben, o sorprendente do caso e que o MpDC puidese probalo documentalmente, e que este informe da Garda Civil fose parte dunhas xornadas de formación-instrución a axentes do corpo armado en Galicia. A Central Unitaria de Traballadores é unha organización sindical legalmente constituída, e cuxos estatutos están rexistrados así como tamén son sinxelamente accesibles a traveso da súa páxina web. Cal é o delito polo que somos perseguidos? Segundo este informe pertencemos a un denominado Movemento de Liberación Nacional de Galicia (MLNG) que só existe nas quentes cacholas dos que elaboraron dito informe, e formamos parte dun entramado no que habitan grupos diversos que como nexo de unión só temos a procura da Soberanía do Pobo Galego mediante o libre exercicio da Autodeterminación. Algo tan “ilegal” que figura nos nosos estatutos e que é público e notorio. Ou será que o delito que cometemos é o de recoller nos nosos estatutos como bandeira nacional a bandeira da Patria Galega e como escudo a estrela vermella e o rodamento dentado? Non, nós temos claro que o único delito cometido é o que figura nos nosos estatutos : “A CUT é absolutamente soberana para tomar as decisións que máis conveñan aos intereses dos traballadores/as de Galicia; non dependendo as mesmas máis que da libre vontade democraticamente manifestada polos afiliados/as da Central Sindical que as acorden, sempre con subxección ós presentes Estatutos. Manifestándose nitidamente independente do Estado, Administracións, Partidos Políticos ou calquera grupo económico ou de presión”. E ese si que é o problema para eles, que non atendemos ao que establezan os grupos de poder, nin estamos suxeitos a subornos nin chantaxes destes grupos, establecendo coma prioritario o que decidan os nosos afiliados por medio das Asembleas, como único e verdadeiro exercicio de democracia do que deberan tomar nota os poderes públicos. Agora a pregunta é a seguinte: Para cando o Estado Español deixará de empregar os métodos de represión do Franquismo (fichas políticas, tribunais de excepción, seguimentos ilegais…) así como ás forzas e corpos de seguridade do Estado contra toda forma legal de disidencia ideolóxica? Isto non é máis que outra nova peza no quebracabezas da represión contra a esquerda independentista. A Lei Corcuera, a Lei de Partidos, ou a deriva da doutrina Garzón que sitúa á Audiencia Nacional ao mesmo nivel que un auténtico Tribunal de Excepción, son outras das pezas que fan derivar ao Estado Español e aos partidos políticos maioritarios deste Estado, a unha volta atrás no tempo, cara unha longa noite de pedra de feixismo e represión política e policial. Isto materialízase nesta ocasión pola laboura dun corpo represivo e anacrónico (a Garda Civil) que debeu desaparecer hai tempo, xa que a única razón da súa existencia, a represión civil, debeu rematar a finais da década dos setenta, e non converterse nunha forza de represión ao servizo dos partidos políticos que se denominan democráticos. (Agradecemos ao MpDC a publicación deste informe así como a cesión das imaxes do mesmo)”.