Publicamos a carta enviada polo preso galego Carlos Cela Seoane à assembleia pola sua liberdade

Publicamos hoje a carta enviada polo comunista e militante anti-repressivo do SRI Carlos Cela Seoane. Carlos Cela era detido no passado 23 de Janeiro por efectivos da ‘Guardia Civil’ espanhola num operativo policial “contra o Grapo” que se saldava na Galiza com a detençom de dous cidadáns. Apesar de que as acusaçons lançadas contra este cidadám galego carecem de todo fundamento, e implicam um novo passo adiante na aplicaçom do chamado Direito Penal do Inimigo, Carlos Cela encontra-se privado de liberdade e dispersado ao cárcere espanhol de Valdemoro (Madrid). Desde aqui, além de dar difusom à sua mensagem, chamamos a participar na assembleia que no próximo 24 de Março se celebrará na Crunha para dar continuidade à luita pola sua liberdade. Qualquer informaçom sobre este novo processo político-repressivo pode-se encontrar no blogue CARLOS LIVRE AGORA! cujo linque está ao pé desta notícia. Valdemoro 5 de Marzo de 2008 Hola xente da asamblea! Andaba eu a matinar polo patio cando me decatei de que non vos escrebera aínda nada sobre a miña detención. Sabedes o que pasa? Que escribím a tanta xente que me esquecín de vós, mil perdóns!! Tanto escribir de min que estaba un pouco aburrido, pero con vós teño unha grande dévedaa por todo o que estades a facer, moitas grazas por todo. En fin, espero que vos sirva, fíxeno coa intención de que vos sirva para o blog ese que estades a montar. Xa me diredes. Se podedes, pasádeo a castellano e mandadesllo ao Comité de apoio en Catalunya. Así aforrádesme umha carta. Estou á vosa disposición, calquer cousa que pensedes de mín aquí estou (manualidades non, por favor, jejeje) “Terédelo ouvido. Din que as mantas da DGS son lúgubres e suxas, cheirentas sempre. Que apestan a suor, a baba seca e a todo tipo de excrección humán. Que entre os seus ásperos pelos tan escuros pululan abundantes parásitos ao acecho da moral mais vivinte e axeitada… (…) Entraba alí, liberadas xa as mans do grillete. Ollaba arredor buscando algo naquel mundo tan agreste e o complexo, perdida naquela desolación cósmica do ser acorralado, e tendíame amodo sobre o chan e me enrollaba con gusto nesa manta e sentia, ao facelo, un agradecemento infinito daquela compaña. Eu non sei, mas discrepo da opinión xeral. Son cousas raras, sentimentos que se lle fixan a un. Deitábame alí, dábame media volta, sen noxo algún, xurovo-lo, sen notar en absoluto esa aspereza. Todo era por fin suave, protector, cálido…” “Una extraña aventura”. Eva Forest. Lendo este relato da manta da DGS de Eva Forest, lembreime da “miña” manta si, marrón, suxa, usada… mas peor era o colchón onde tiñas que recostarte, iso sí estaba porco! Mais non deixei de acostarme e abrigarme con esa mantiña, tentando durmir todo o posible (mentres durmias nom pensabas) sen saber se era noite ou dia, había unha luz acesa que nunca apagaban. Sacándome de cando en vez para ir declarar, sempre saía cos ollos tapados. Negueime a declarar, negueime ao recoñecemento fotográfico, negueime as probas de ADN, non asinei nada… dúas veces ao meu carón, un avogado de oficio un día e unha avogada ao seguinte, e eu pensando que non podían ser avogados e que eran de eles! Acurrucado naquel camastro viñanseme as imaxes. Cómo se me botaron enriba e esposaron, a cara da miña nai que acababa de sair da súa habitación. A lectura de dereitos, que ironía! O roubo, (porque non se lle pode chamar de outra maneira) das miñas cousas. Todos os libros de Marx, Lenin, Mao, Stalin; coleccións enteiras de Txalaparta; poesías orixinais escritas a man do meu irmán Paco, “oiga que iso son poesías!…” , “da igual” respostaronme. Toda a colección de pegatas, cartas persoais, as facturas do bar!!! Os contratos das máquinas expendedoras! Fotos, moitas fotos. Sete horas esquilmando os nosos recordos, a nosa memoria (hai que lembrar que en Vigo levaron os libros da Comuna Carlos Marx da cadea de Soria). Recordos que para eles son coma trofeos de guerra e coma botín de guerra; coma voitres foron polos petos de Ceivar e SRI no Faluya. Imaxes coma a de Pepita na cociña, eu na entrada da casa, a piques de sair, a porta lixeiramente aberta, ela erguendo o puño, susurrándome “coa cabeza alta”, ese foi o único contacto con ela durante as 7 horas, seica estaba incomunicado xa. A piques de sair, no seu nerviosismo “que cantidad de gente hay abajo, a taparse todos!”. Un deles ofréceme taparme coa carapucha ao que resposto que eu non teño nada que agochar. Xa no portal, a cantidade de xente na rúa, os cámaras, fotógrafos… e ti estás moi canso, 7 horas case de pé, esposado nas costas, mans doridas, o hombro dereito dóeche… pero da igual, algo te sube polo corpo, unha voceciña que che di “veña Carliños, agora a sorrir mecagoendios!” que nunca nos borren o sorriso dos beizos… E asi saio, miro a dereita, a esquerda e de fronte! Os Chemaris, as Vanessinhas, Marquinhos… dando berros de ánimo, mellor imposible!! As imaxes do Faluya, como rouban os petos, mirando as pegatas, a decoración, e eu dando voltas, quedándome cos recordos, tantas horas e tantas historias alí vividas, despedíndome do Faluya a miña maneira, sen prestar atención ao que fan os voitres. A rúa cortada, as caras dos donos e cociñeiros do restaurante vegetariano (“problemas?, ningún, todo o contrario”, graciñas). O circo que montaron. Saida do Faluya e para a miña sorpresa alí están os Davides, os Danis, os Tones… berrando, impresionante. No coche outra vez, incómodo coas mans atrás, un Patrol abrindo camiño coas sereas, chegamos a un sitio de Mediciña Legal de Os Castros, eu pedira forense, desposáronme, as mans moradas e moi hinchadas, “pero hombre, si te apretaban haberlo dicho” non resposto pero penso que esa é a miña actitude, non queixarme, non decir nada. Esposaronme coas mans diante e marchamos a Madrid, toda a viaxe encarapuchado. Poñen o parte da Radio Galega, entérome das demáis detencións, deixan uns minutiños e, qué sorte! Podo escoitar unha das miñas cancións preferidas: “A Historia é nosa” da Matraca Perversa. Sorriso nos beizos, esa canción acompañame todo o traxecto na memoria e nos calabozos da DGS. A mesma canción que tarareo na cela de aillamento, a cal chego despois de estar tres días no Módulo 1 de Soto del Real. Tres días compartindo cela con outros dos detidos, o avogado Olarieta e compartindo charlas con dous compas vascos, mas só tres días. Ao terceiro lévanse ao meu compañeiro de conducción e fico só. Coma nós, por principio, negámonos a compartir cela con presos sociais, levanme a aillamento. Eu duro en Soto un día mais, o venres lévanme a Ingresos para sair o sábado de conducción. O suficiente para que á miña nai, agardando na sala de espera de Comunicacións, lle neguen a visita. Tres días nos que saboreo ainda a primeira visita con Pepita, emocionante e chea de sentimento. Tres dias só cun compañeiro, política de dispersión, Fernan en Soto, Olarieta en Navalcarnero, Erlantz en Meco e eu en Valdemoro. Chegada a Valdemoro, en Ingresos entérome que está o meu amigo, David Garaboa, no Módulo 6. E alí me levan despois de estar catro días en Ingresos. Chego ao Módulo 6, comezo a buscar na sala de fumadores, na de non fumadores, non o vexo. Recorro o patio nervioso e alí está! Paseando con outro home, O David! Non me ve, achégome por detrás e lle digo: “qué, seica non saudamos aos amigos?”. Dase a volta, sorpresa, unha grande aperta, case o machaco… Cóntame os problemas, obriganno a compartir cela cun preso social, plantes, chapeos, unha semana de folga de fame… agora solucionase, xúntannos aos dous na mesma cela. Compartimos recordos, risas, inquedanzas durante case un mes. Tiña xuizo, mais coma a súa defensa era o avogado Olarieta, supéndese. Volve telo o 25 de Febreiro. Gaña a batalla xudicial e política, declarase militante do PCE(r), non logran probar o vencello entre o PCE(r) e os GRAPO, mais da igual, o Tribunal Supremo sentenza que a banda armada PCE(r)-GRAPO existe e xa está. A petición fiscal era de 14 anos e o condenarán a 14 anos, así funciona a xustiza española. Coma diría Anjel Elkano, compa vasco da Mesa Nacional de Batasuna, que puidemos disfrutar da sua compaña unha semana: “gañamos todos os xuízos, mas perdemos todas as sentenzas”. Volto a ficar só, política de dispersión, son o único preso político do Módulo, agora o único FIES-3. Seica sónche moi perigoso, por iso me restrinxen as cartas (tres a semana) interveñenme as comunicacións, non podo sair ao polideportivo, nen ir as clases fora do Módulo… En Soto, para xustificar estas medidas argumentan, nun papel que te entregan, entre outras cousas, o seguinte: Por: 1. “La capacidad criminal y la peligrosidad del interno, patente en los delitos cometidos (terrorismo) por los que actualmente se encuentra preso”. Capacidade criminal?? Ainda estou agardando que veña o médico especialista a tomarme as medidas da cabeza… E en Valdemoro é así: 2.“Vinculación con banda terrorista, sin que existan signos inequívocos de abandono de sus fines y medios, ni declaración expresa de la violencia, ni colaboración con las autoridades…” Acúsanme de pretenza a banda armada e colaboración, claro. É o que dín eles. O Auto de prisión, redactado na súa maioría pola Garda Civil, sen probas, sen acusacións concretas, non lles fai falta. E aquí ando, polos Valdemoros, facendo algo de deporte, sí, sí incrédulos, dios qué xente!! Lendo moito, escrebendo a toda a peña a pesares da limitación, paseando polo patio, intuíndo os atardeceres, mirando para o ceo e ver coma as nubes van mudando de tonalidades, de cores. Érgome pola mañá as 7.30, reconto as 7.45, sentado vendo pasar os coches, os Cercanias, ollando a Pinto ao lonxe… Deitado na noitiña, coa luz acesa lendo “La voz dormida” de Dulce Chacón, ollando as fotos do meu velliño, das faixas penduradas, das fotos dos xornais coa do 24 de Xaneiro, vendo os Meixides, aos Xans, aos Tones, aos Valencianos, aos Barragáns, aos Narcos…: que ledicia ver as caras amigas! As fotos do Faluya, cos Davide, Txiki … Ollando, esta vez sí, un atardecer na praia de Riazor, preciso, con globo incluido, graciñas parella! Escoitando música, deitado, mirando para o teito e intuindo as estrelas, soñando coas vosas caras, dos Brigadas, dos Sergios, os Oskaritas, os Diegos, Aidas, as Irias, as Lauras, das Sofias… sorrindo por dentro e por fóra, lembrando tantos momentos que non nos poderán roubar fagan o que fagan, porque van na memoria e no corazón. E quen lle pon cancelas ao corazón?? Lembrando os momentos xa vividos aquí dentro, cando nos levan ao Módulo1 de Soto, cargado co macuto, deixando aos catro de Markina, catro rapaces detidos por kale borroka, párome, doume a volta e levanto o puño e, ao lonxe, os catro saltando, erguendo o puño! A aperta dada ao meu compa Olarieta cando o levan de cunda, as apertas que me dan os dous compas vascos cando me levan a aillamento. A despedida co David, no chabolo, intima con varias apertas, fortes, contendo as bágoas coma podemos (que somos uns duros bolches, pois mira ti que parvada). A outra despedida, xa abaixo, diante do inimigo, con sorrisos e puños en alto, alá o vexo marchar, co macuto nas costas, alonxándose polo corredor… Sentado no chabolo, son as 15.00, abrennos as 16.00, ceamos as 19.30 e nos chapan as 20.30.Sentado, picándome o sol na cara, vendo pasar un Ibiza negro e o entrañable Cercanias (o txukutxuku) mirando as nubes, voltando a sorrir e lembrando as verbas que lle dixo un compa vasco ao David cando se despedía aquí en Valdemoro: “Que non nos cambien David!!” Por iso colegas, que non nos cambien nunca!! Estou, sinxelamente, orgulloso de formar parte de vós. A Historia é nosa e o futuro depende de cada un de nós. Dentro e fóra Resistencia! Unha aperta solidaria. P,D: E é rotundamente falso que teña rematado cos pastelitos do economato, e o leite condensado, que conste en acta!