Ceivar apoia e participa na marcha contra o cárcere de Teixeiro

Manhá, sábado 23 de Dezembro, diversos colectivos galegos convocam a tradicional manifestaçom de Dezembro ao penal corunhês de Teixeiro (estrada de Paradela, s/n, Cúrtis). A marcha contra a cadea partirá por volta das 12:30h da gasolineira de Teixeiro, sob o lema “SE HÁ MOTINS, HÁ MOTIVOS!!”.As entidades organizadoras do protesto som a Comissom de Denúncia, colectivo contra a tortura e os maus tratos por parte das F.S.E. em que o nosso Organismo Popular Anti-repressivo participa, e a Federación Anarquista Galega. Nesta ocasiom, e para além das desgraçadamente sempre vigentes reivindicaçons da cessaçom da prática constante da tortura no penal de Teixeiro (conhecido por este motivo como um dos mais duros de todo o Estado Espanhol),os grupos organizadores da manifestaçom incidem na necessidade de socializar a verdade dos factos do mal chamado “motim de Teixeiro” por parte dos meios do sistema, em Julho deste ano. Reproduzimos a continuaçom na íntegra, respeitando a normativa original,o manifesto convocante da marcha deste ano que elaborou a Comissom de Denúncia, seguido do comunicado de imprensa que vem de emitir, relatando os factos das torturas acontecidas em Julho, mencionados pola imprensa oficial como “motim de presos islamistas e etarras em Teixeiro” (sic!). “Nota de prensa-Marcha a Teixeiro A mediados de Xullo deste ano aparecía a noticia en distintos xornais sobre un suposto motín no cárcere de Teixeiro protagonizado, segundo uns, por perigosos presos etarras e islamitas e, segundo outros, por presos comúns que protestaban polas insoportables condicións de vida naprisión e, en especial, polo réxime de illamento do primeiro grao. Porén, non chegou a existir contrastación das contraditorias informacións oficiais procedentes todas elas de fontes próximas aos carcereiros(incluídos os sindicatos CSI-CSIF, ACAIP e CIG) coas versións dos propios presos, os cales, de feito, cursaron distintas denuncias contra o Subdirector de Seguridade e varios funcionarios de prisión por torturas, malos tratos, abuso de autoridade e ameazas. É por isto que este sábado 23 de Decembro a sociedade civil, organizada en torno á Comisión de Denuncia da Galiza, queremos sacar a voz dos presos fóra dos muros da prisión a través dunha marcha ao cárcere Teixeiro que vimos facendo cada ano en protesta pola inutilidade e a violencia dunha institución que non fai máis que incrementar o sufrimento e a marxinalidade da súa poboación reclusa. A marcha comezará ás 12 – 12.30 h desde a gasolineira do cruce próximo á cadea.” Relato dos verdadeiros factos do “motim” de Teixeiro em Julho: “Por volta de mediados do mes de Xullo, a imprensa oficial facíase eco dun “motín” acaecido no módulo de illamento do cárcere de Teixeiro. Destacaba a información oficial a profesionalidade dos carcereiros e a violencia e premeditación dos presos, e relacionaba estes feitos coa morte dun funcionario carcerario por un infarto na cadea. A mensaxe, pois, era: PERIGO, HAI UN MOTÍN!!!! De detrás dos muros da cadea van chegando outras noticias que non publica a imprensa oficial: un compañeiro conta que o día 16 de Xullo, entre as 23 e as 24 h da noite, comeza a ouvir dende a segunda galería onde se atopaba gran alboroto e berros procedentes da terceira galería: os carcereiros ían entrando cela por cela pegando aos compañeiros da devandita galería, co resultado de 6 compañeiros apaleados; 2 deles acabaron no hospital autolesionados para que non lles pegaran e un terceiro na enfermería, mentres que aos outros optan por trasladalos de prisión inmediatamente. Outro compañeiro relata que esa mesma noite, ás 1:35 h, carcereiros armados con porras e encabezados polo Subdirector de Seguridade chegan á segunda galería, onde seguen golpeando, insultando, esposando e ameazando varios compañeiros presos. Acaban por sacar a golpes o compañeiro J. R. A. R. (José Ramón) da súa cela e levalo á sala para darlle unha malleira coas porras. De volta en 15 minutos, volven os mesmos carcereiros e empezan a pegarlle unha paliza no chabolo ao compañeiro J.M. Y. M. (José Manuel), o cal, entre golpes e coa máxima violencia, lévano á cuarta galería, onde continúan torturándoo até o día seguinte. Despois de todas estas agresións, este compañeiro presentou as seguintes lesións, non recibindo “asistencia medica” ata 2 días despois (19 de Xullo): ferida na parte superior da cabeza, dúas feridas paralelas no alto das tempas producidas ao ser golpeado cos grilletes, un arañazo de tres centímetros máis abaixo desas feridas, un hematoma ao final da cella dereita producida por puñetazo, un hematoma no ombro dereito producido por porra, garganta inflamada con hematoma por intento de estrangulamento, hematoma na parte esquerda á altura da barriga producido por porra, gran hematoma en cada perna producido por patada con bota tipo militar, hematoma no lado esquerdo do queixo producido por patada e fortes dores nas costelas e á altura das axilas, con problemas respiratorios que ao toser e respirar fortemente producen máis dor. Non obstante, os médicos negáronse a levalo ao hospital para unha revisión. Estes son parágrafos extraídos das denuncias que presentaron varios compañeiros do módulo de illamento da cadea de Teixeiro e que se están a tramitar no Xulgado de Instrución nº 3 de Betanzos. Compañeiros dunha cadea na cal, como en todas as demais cadeas do Estado Español, se tortura con total impunidade, a xente aparece morta na cela, os enfermos graves son sacados ao hospital en coma para que non morran no talego, se retén ilegalmente (se usurpa!!!!) as pensións non contributivas…… O 16 de Xullo de 2006 non se dixo a verdade: SE HAI UN MOTÍN, HAI MIL MOTIVOS.” (Comisión de Denuncia da Galiza)