Publicamos artigo de Teresa Moure lido durante a rolda de imprensa de ‘Que voltem á casa!’

Segundo informamos, a escritora galega Teresa Moure participava o passado dia 22 de Junho na apresentaçom pública da Plataforma Que voltem à casa!, unanimemente boicotada pola mídia oficial. No decurso do acto, @s membros da iniciativa cidadá lêrom diversos escritos que se podem consultar na página web quevoltemacasa.info. Reproduzimos aqui pola sua extensom e interesse, o texto redigido pola escritora galega no que aborda entre outras questons a utilizaçom de forma generalizada dumha medida especial como a prisom preventiva, fundamentando aliás este emprego num argumento tam maleável como o ‘alarme social’ produzido; a satanizaçom de qualquer dissidência política como ‘terrorismo’ e o carácter ilegal da dispersom penitenciária de que som objecto @s pres@s independentistas galeg@s e, por extensom, o seu contorno familiar e sócio-político. Apenas copiar aqui pola nossa parte o parágrafe final do texto lido por Teresa Moure “Uxío e Xiana, como todas as presas do mundo, merecen respecto. Non os defendemos por independentistas, non os defendemos por rebeldes. Temos dereito a partillar as súas ideas ou a disentir delas. Mais merecen os dereitos humanos e denunciar a súa precaria situación é, antes de ningunha outra cousa, unha cuestión humanitaria”. “Que voltem à casa! Pres@s. Uxío e Xiana están pres@s: engaiolados, na cadea, afastados de todo. Non poden combinar coas amigas, non poden mergullarse no mar, nin facer o que lles praza esta tarde. Están limitados, están atadas. Uxío e Xiana están acusados de prácticas ilegais. Non se sabe se iso é certo ou non porque o xuízo aínda non se celebrou. Entrementres, Uxío e Xiana agardan na cadea a que ese xuízo se celebre sen saíren de noite, sen gozar da amizade, sen escoitar os consellos, sen almacenar as experiencias que trae a liberdade. Non sei que disque fixeron Uxío e Xiana. Só sei que teñen dereito a un xuízo xusto e rápido. Que teñen dereito a que os seus días non se consuman agardando. A prisión preventiva é unha medida cautelar. De ter algún sentido, ten o de evitar que o preso fuxa. Mais onde van fuxir as inculpadas por loitar polo seu país? En que outro lugar do mundo a súa loita tería sentido? A prisión preventiva non se sostén. E se non fose iso, se fose unha presión, unha ameaza, unha lousa máis que tirar sobre o movemento independentista, estaríamos falando de poñer a democracia en perigo. Porque democracia non consiste só en que gobernen as maiorías, tamén en que non se esfolen as minorías. Na maioría dos países existe a presunción de inocencia: es inocente até que non se demostre que es culpábel. Ir á cadea antes da sentencia é unha medida excepcional e, no entanto, aplícase en estados que se chaman democráticos de xeito exorbitado, inxusto e custoso. Contradí os principios constitucionais e de dereito internacional, utilízase extensa e indiscriminadamente e, de cote, resulta inxusta porque unha grande cantidade dos imputados teñen que ser deixados en liberdade ao non poder comprobarse a súa responsabilidade. Con todo, aínda que a prisión provisional prolongada deba ser excepcional e imporse só cando sexa estritamente necesaria, aplícase habitualmente nos casos de terrorismo en España. Na causa contra os presuntos membros dunha célula de Al Qaeda, varios avogados defensores expresaron a súa preocupación polo uso da prisión provisional como pena anticipada. Seica a alarma social é o concepto que xustifica a prisión preventiva. Non hai logo argumentos penais senón políticos. A excepcionalidade pasa a ser regra e a prisión aplícase a individuos dos que se presume que poden delinquir no futuro. No futuro? Porque non nos deteñen aos que estamos aquí polas nosas posíbeis accións futuras? Por que non acabar con todos e eliminar así dunha vez a criminalidade? Parecen argumentos de madero de cómic. Quería parar aquí un momento a falar de terrorismo. O saber popular recea de que todas as persoas sexan realmente iguais. Uns sempre serán máis iguais ca outros, din por aí, e sobre unha experiencia secular de oprobios, o noso pobo demostra coa práctica caciquil o valor dos privilexios, dos poderosos. Estes rituais, aínda presentes entre nós, esixen que poñamos o mundo patas arriba. Estannos agardando para xantar e resulta que nós mesmos somos a comida: cómpre logo tirar do mantel para facermos un mundo novo. Noutras palabras, os caciques, os poderosos, como saben que na democracia cada persoa ten un voto procuran exercer un control ilícito da liberdade, aquí como no resto do mundo. Ás veces mércana con campañas mediáticas. So así se explica que ese intelectual bondadoso e profundo, chamado George Bush jr, poida dirixir tanto cotarro como ten diante. Outras veces os poderosos persuaden con enganos. Dende o incidente das torres xemelgas, ou talvez dende antes, o engano ideoloxicamente máis destrutivo consiste en acusar toda disidencia de terrorismo. Nos contos que os poderosos nos contan polas noites para amedrentarnos o terrorista é un ser ruín e malvado, cheo de ideas perigosas para a comunidade na que vive, ideas nas que cre cunha fe de integrista, sen aceptar críticas e polas que está disposto a inmolarse, porque un terrorista, ademais de sanguinario, violento e pérfido, é un ser que ten unha inexplicábel tendencia á destrución masiva, incluíndose a si propio, … e que recoñeceremos porque leva pasamontañas. Un rebelde é un terrorista, un que clama por unha lingua minorizada é un terrorista, o que insulta ao pobre empresario que lle dá de comer é un terrorista, o que leva un pano branco e negro ao colo e consulta determinadas páxinas web é un terrorista, o que pensa que Galiza non é España é un terrorista, o que se manifesta contra os encoros é un terrorista. A listaxe continúa porque ao poder nunca lle gustaron os matices: ecoloxistas, reintegracionistas, feministas, independentistas, desvariados, gaiteiros, tolas, drag queens, artistas de pouca monta, sindicalistas teimudos en responder á cívica intervención policial queimando contedores, cantantes de ska, profesores que non teñen onde caer mortos, todos eses, mesturados, teñen un aquel de terrorista. Cando, en novembro pasado, a policía irrompeu nun coñecido local socio-cultural de Compostela e practicou unhas detencións que nunca se soubo a que viñan, non producía terror. Cando Amnistía Internacional denuncia as violacións dos Dereitos humanos que se practican nos cárceres do Estado Español os mandos diso que se chama as forzas armadas non producen terror. Cando os responsábeis políticos internacionais se negan a seguir o protocolo de Kyoto non producen terror. Cando os Bancos anuncian as súas ganancias mentres os obreiros son despedidos por reaxustes de persoal e fican condenados á marxinación, o capital non produce terror. Cando se acaba cos nosos sectores produtivos, cando se condena á poboación a emigrar ou engrosar as listas do paro, cando se somete e se agrede ás mulleres, cando se especula coa vivenda, cando se destrúe a natureza con infraestruturas que só serven ao enriquecemento capitalista, cando se esquece a nosa lingua e nosa cultura, non se está a producir terror. Terroristas son os que soñan coa liberdade. Terroristas son as que pensan no seu país sen medo. Terroristas son as que se organizan, e resisten. Terroristas son os que ocupan as fendas por onde está a escachar o sistema. Xa dicía Orwell que a linguaxe da política está feita para dar aparencia de solidez ao puro vento, para facer que as mentiras soen a verdades. Porén, cando a palabra envolve, cando serve para argumentar puntos de vista que de antemán se saben ruíns ou erróneos, daquela convértese en sofisma. E non vale. O dito: que hoxe, máis que nunca, en nome da liberdade e da democracia, convén poñermos o mundo patas arriba e trazarmos unha figura redonda e perfecta: UN MUNDO NOVO. Os informes de Amnistía Internacional denuncian continuamente as cárceres españolas. Xa que logo, Uxío e Xiana non só están nun lugar de castigo, non só están onde non queren estar, senón que o Estado non garante para eles un contorno saudábel, onde poidan medrar por dentro. Ese Estado que usa a prisión preventiva parece estar xogando ao xogo da oca: de caeres na cadea non haberá solución para ti a menos que outro coitado xogador, que xa sería casualidade, caia nese tobo e poida te substituír. Para que se fixeron as cadeas se non para as encher? As nais e as compañeiras dos presos, os pais, os irmáns, as amigas, os veciños dos pres@s en prisión teñen unha pena que non merecen: a de se teren que desprazar moitos quilómetros, caros quilómetros, difíciles de compatibilizar coas propias obrigas para manteren con vida aos presos. Porque non hai máis que ler o artigo de opinión de Uxío sobre a droga na cadea que se difundía estes días na rede para ver que un preso sen apoio do exterior é un preso morto: a cadea está superpoboada: durmidos no chan, en medio da sala, a deambular coma zombis sen ouviren nada… ou coa síndrome de abstinencia, en todos os casos brutal e magoante. España acaba de se converter no estado con maior taxa de presos por habitante da Unión Europea (150 por cada cen mil). O fortísimo aumento da poboación penitenciaria nos 2 últimos anos coloca hoxe nas cadeas españolas a máis de 63 mil persoas, o dobre das que había en 1990; unha cifra só superada polas vagas de encarceramento durante a represión fascista que seguiu ao alzamento militar do 36. E isto porque en España se abusa da prisión preventiva que se aplica, tamén automaticamente, aos inmigrantes co pretexto de que a súa falta de arraigo ou de domicilio coñecido facilitaría a fuga: en realidade o delito parece consistir en ser emigrante a secas. Un preso en España custa aos cidadáns arredor de 70 euros ao día; 2100 ao mes. En vez de orientar os recursos do estado á axuda social (tipo países nórdicos) as nosas autoridades queren construír cárceres a cada máis densos e sofisticados. E isto sabendo, como sabemos todas, que os cárceres abandonaron xa toda pretensión de rehabilitación, que a maioría son almacéns de baixa seguranza onde os detidos son sometidos a continua vixilancia e os máis duros verdadeiros infernos orwellianos. Porén non é que o cárcere non sirva para nada. Que va! Ten a función da incapacitación, da neutralizacion de categorías e clases específicas de individuos considerados potencialmente perigosos (de aí, de esa perigosidade en potencia, que haxa prisión preventiva). As diferenzas económicas e sociais ou as diferenzas de concepción política transfórmanse en cuestións criminais e a xustiza social desaparece para deixar paso á xustiza penal. En 1939, dous pensadores alemáns da recoñecida escola de Frankfurt dicían que o capitalismo produce unha poboación superflua respecto ás esixencias ordinarias. Esta poboación innecesaria convertese nun problema que esixe a intervención das institucións: de se tratar de refugallo social, a cadea serve para xestionala, de se tratar de dinamita social, así se controla. Se cadra, Uxío e Xiana están sendo tratados como dinamita social. Traelos de volta a Galiza sería unha indicación de boa vontade, de que a xustiza se practica cunha venda nos ollos, sen mirar ao carné político. Xulgar xa, evitando a prisión preventiva sería garantir que a xustiza se practica. Uxío e Xiana, como todas as presas do mundo, merecen respecto. Non os defendemos por independentistas, non os defendemos por rebeldes. Temos dereito a partillar as súas ideas ou a disentir delas. Mais merecen os dereitos humanos e denunciar a súa precaria situación é, antes de ningunha outra cousa, unha cuestión humanitaria. Uxío, Xiana, saúde e forza. Imosvos traer!!”.