A continuaçom fazemo-nos eco da nova publicada no jornal Sermos Galiza mais em Esculca:

2014100713315899195"A Audiencia Provincial da Coruña emite un auto polo que, segundo o sindicato, dá á razón ao responsábel comarcal da CIG-Ferrol, X.A.L.P., e obriga o xulgado a esgotar a instrución a respecto da denuncia que presentou por tortura e malos tratos sufridos após a súa detención en 2012 nunha protesta sindical diante do local onde o PP daba inicio á campaña electoral.

X.A.L.P., responsñabel comarcal da CIG-Ferrol, presentara en 2012 unha denuncia por un presunto delito de torturas contra un policía, ao que acusaba de golpealo en reiteradas ocasións, de ameazalo e de aldraxalo durante o tempo da súa detención e incomunicación na comisaría da cidade departamental. X.A.L.P. fora detido no marco dunha protesta convocada polos Comités de Navantia e Poligal, coincidindo co acto de inicio da campaña electoral do PP ás autonómicas de 2012.

A Audiencia Provincial da Coruña vén agora de emitir un auto polo que, sinalan desde a central sindical nacionalista, dá a razón a X.A.L.P. e obriga o xulgado a esgotar a instrución con respecto a esa denuncia. Para o responsábel da CIG, o auto é positivo polo que supón de “iniciar unha investigación”. O auto, sostén a CIG, deslexitima as pretensións do xulgado de instrución ferrolá de arquivar a denuncia de Pintos (sen esgotar todas as dilixencias e investigacións oportunas) e tomar unicamente en consideración a denuncia presentada pola policía contra do sindicalista por suposto delito de atentado, altercados públicos e delito electoral). Neste senso, no auto especifícase que “a insistencia da xuíza de instrución e do ministerio fiscal en manter separadas dúas actuacións que derivan dun mesmo inicio e na que hai unha coincidencia parcial dos implicados, rompéndose soamente por unha mera interrupción temporal, non pode ser aceptada”.

Naquel momento, a Fiscalía pediu penas de 2 anos e 9 meses de cadea, con inhabilitación especial para exercicio de dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena por un delito de atentado e falta de lesións; 20 días de multa, con 7€ diarios, e unha indemnización de 840€ por lesións a un axente de policía."

Desde o Organismo Popular Anti-repressivo CEIVAR queremos novamente emitir a nossa solidariedade com o sindicato assim como o seu responsável em Ferrol e chamamos a atençom sobre as reiteradas denúncias de torturas que se estám saindo à luz no nosso País. Lembramos que nessa mesma comarca há poucas semanas dous marinheiros emitiam outras denúncias por maus tratos físicos por membros da Policía e as provas já se atopam em dependências judiciais. As organizaçons sociais e políticas nom ham de guardar silêncio por mais tempo ante situaçons de vulneraçons de Direitos Humanos e Políticos que vam num aumento progressivo.